Quen gobernará Ponteareas?

Tres alternativas asoman como saídas á crise post-28M

Ponteareas | O vindeiro goberno municipal 2023-2027 no Concello de Ponteareas está no aire a menos de 48 horas da conformación da nova Corporación Municipal, prevista para este sábado 17 de xuño.

Tralos resultados das eleccións municipais do pasado 28M, a opción máis votada foi a de Nava Castro (PP) alcanzando 7 concelleiros. Segundo lugar quedou a actual alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila (BNG) con 6; Juan Carlos González Carrera (ACiP) con 4; Delfín Domínguez (PSdeG-PSOE) con 2; e Manoel Ucha (Ponteareas en Común) e Domingos Freitas Almeida (Independentes por Ponteareas) con 1 cada un. A maioría para gobernar está en 11 concelleiros dos 21 totais que conforman a Corporación.

Nese sentido, a atención estaba enfocada na posibilidade dun pacto PP-ACiP entre Nava Castro e González Carrera  que rememorara vellos tempos dentro da Corporación Municipal (2000-2003) Non obstante, as reunións entre ámbolos dous non frutificaron nesa vía. A través dun comunicado, a candidata do PP considerou que o líder de ACiP foi “inflexible e inmobilista” nas súas expectativas e que “non asumiu a realidade dos resultados electorais”. Con todo, Nava Castro, quen ofreceu a tenencia de alcalde a González Carrera, tamén declarou que deixaba “a man aberta” para negociar con ACiP.

Pola súa banda, González Carrera acusou a Nava Castro de “pechar a porta” para un acordo e de “non facilitar a posibilidade de diálogo e de negociación”. ACiP aposta pola vía dunha alcaldía rotatoria, un modelo similar ao establecido en Salceda de Caselas entre Movemento Salceda e o PSdeG-PSOE durante o anterior mandato municipal 2019-2023. Fontes informativas afirman que Nava Castro non está a favor de aplicar esta fórmula de rotación.

Os desencontros entre o PP e ACiP abren así o compás para todo tipo de ecuacións políticas de cara á conformación da vindeira Corporación Municipal, incrementando a sensación de incertezas e suspense.

E aquí entraron en xogo algunhas das opcións máis visibles para ‘desatascar’ a crise política post-28M. Unha delas xa foi despexada pola propia Nava Castro: gobernar en minoría cos seus 7 concelleiros, amparándose na súa condición de ser a lista máis votada e en caso de non atoparse acordos.

Por outra banda, e a pesares dos seus acérrimos ataques contra o actual goberno municipal en funcións durante a campaña electoral, en especial no referente á debéda municipal, ACiP abriu as comportas sobre a posibilidade de gobernar en coalición coa actual alcaldesa nacionalista Fernández Davila. Á espera de que esa posibilidade se materialice, o BNG agarda tamén contar co apoio do PSdeG-PSOE e de Ponteareas en Común (PeC) para completar os once concelleiros necesarios para gobernar. Pero aquí tamén aparece outro factor discordante: de xeito extraoficial pudo coñecerse que os socialistas non verían con bos ollos negociar pactos con ACiP, o cal deixa a atmósfera política, de novo, no aire.

Con estas tres opcións de goberno (PP-ACiP; BNG-ACiP-PeC; PP en minoría) gravitando no escenario municipal, Ponteareas agarda este 17 de xuño co clima político en vilo. Con todo, unha única certeza parece clarificar de algún xeito o panorama político municipal: dende o PP recoñeceron que “ACIP está chamado a ser co-protagonista durante os próximos 4 anos en Ponteareas”. Queda así claro que, sendo ACiP a chave para gobernar en Ponteareas, o escenario está aberto a todo tipo de acordos in extremis e de última hora.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.