Que tal se portaron os padriños?

Aló se foron as Pascuas. As carreteiras e aeroportos estiveron ateigadas dos que entraban e saían das distintas comunidades do Estado. O tempo acompañou. Estupendos días de sol e de praia impropios para esta datas pero xa imos acostumándonos a que en xaneiro faga calor como se fora marzo e que en abril cheguemos aos 30 e tantos graos de temperatura. Diríamos que o mundo está tolo, tolo. E nós para lá vamos.

Por se isto non fora suficiente estamos ás portas dunhas eleccións municipais e autonómicas en varias Comunidades que lle veñen a poñer máis sal, se cabe, a este guiso político-administrativo que nos últimos anos nos trae de cabeza.

Para os que gobernan non houbo mellores tempos que os actuais. Para a Oposición non da rematada a lexislatura porque esperan que lle caia o froito de maduro porque, en realidade, non fixeron nada para que madurara. Limítanse a criticar todo o que saia do Consello de Ministros. Sexa bo ou sexa malo. O asunto é desgastar aos gobernantes para que cheguen ás vindeiras eleccións coas forzas o máis debilitadas posibles.

“Para os que gobernan non houbo mellores tempos que os actuais”

Antes, cando eu era un crío, non tiña a repalojera idea de que era iso das eleccións. Había eleccións daquela, si; había. Claro que eran coma se fora un entretemento para as que virían a partires da morte de Franco. Lémbrome aló polos anos 50 e tantos que se celebraron unha eleccións. Meu pai fora nomeado presidente dunha mesa da parroquia pero el “pasara” de eleccións. Mandoume a min que apenas debera ter menos de vinte anos.

Na escola das rapazas celebrouse o evento. Alí foron uns cantos caciques da parroquia e alí estivemos todo o día esperando non sei a quen porque ninguén foi votar. Cando chegou a hora do reconto o método foi do mais orixinal. Preguntáronse entre eles pola xente que ese día estaba na parroquia aínda que non fora a votar e contábase como se fora tal. Só se eliminaban os que sabían ese dia saíran da aldea por algunha razón. Total púñaselle unha cruz na casilla correspondente a así se fixo a acta de escrutinio. Xa estaban sinalados os representantes como cabeza de familia, os representantes daquel sindicato franquista e co que había outro apartado como comercial, ou industrial; non me lembro exactamente.

A cuestión foi que, ao mediodía, leváronnos de comer da Casa de Raimundo de Puzo e, cando rematou o día, fixéronse as actas correspondentes. Ese era o meu traballo porque meu pai, o auténtico Presidente, non apareceu pola mesa electoral nin de coña.

Claro que aqueles tempos son historia. Agora as cousas están moi reñidas. Un control absoluto en cada mesa electoral porque se alguén ten a tenta de meter nas urnas votos incontrolados. Para preparar o terreo dispoñemos do tempo de campaña que, aínda sendo breve, creo que son 15 dias, en realidade comeza meses antes. Hoxe xa estamos en plena campaña aínda que o día de votar sexa o vindeiro 28 de maio. Só está prohibido solicitar o voto. Unha estúpida medida de non sei que control porque a xente non lle fai caso.

“Vivimos un momento político moi especial”

Vivimos un momento político moi especial. Ata fai uns cantos anos, cando chegaban as eleccións, a maioría dos votantes tiñan metido no maxín votar a un partido de dereitas ou a un partido de esquerdas. Había varios pero sen apenas opcións de sacar un resultado significativo.

Isto funcionou ata fai uns cantos anos en que apareceron no panorama político CIUDADÁNS e máis PODEMOS. Estas dúas forzas de novo cuño viñeron para provocar un terremoto político no panorama electoral. De entrada, tano uns coma os outros, tiñan coma obxectivo facerse co PODER. Uns pola banda do centro dereita, os outros pola banda da esquerda.

Ben, hoxe cando levamos varios anos sometidos a este sarampelo político, nada está claro. Os dous grandes partidos non acaban de facerse cun anaco de tarta suficiente como para gobernar sen sobresaltos.

Quédanos fora, non foi a propósito, unha nova forza política que mais que nova resulta ser composta polas cinzas daqueles que perderon a batalla política pero non a guerra. Aí están ofrecéndonos receitas que pensabamos xa non estaban nas farmacias. Pero si, estaban e parece que en abundancia. Falamos de VOX. Non sabería dicir con exactitude que é VOX aínda que todo o mundo fala desta opción política e algúns pensando que pode ser a solución aos nosos problemas económicos, educativos, de convivencia, etc.

Daría para todo un tratado sobre a antipolítica pero non estamos para perder o tempo con estas andrómenas. VOX está ai e vai conseguir votos. Só falta saber se a política deste País nos vindeiros anos poderá depender deses votos e deses prantexamentos que pensabamos tiñan quedado no baúl dos recordos de Karina. Non foi así. Os populares non lle fan ascos por se lles axudan a chegar ao PODER. Claro que logo non saberán ben como controlalos.

Pola outra banda temos os chamados partidos de esquerda, incluídos algúns nacionalistas. Aquí o panorama non está tampouco para botar foguetes. Parecera que a cousa estaba clara logo de estar gobernando durante os últimos anos e ter conseguido bastantes avances sociais, sobre todo. Pero nestes momentos a cousas está enmarañada. Queremos pensar que non serán tan irresponsables como para tirar pola borda todo o conseguido sen non poucos esforzos.

Non falamos de CIDADÁNS porque en realidade esta forza política, que entrou coma un elefante nunha cacharrería, foise esfarelando pouco a pouco. Hoxe é apenas unha vaga sombra que deambula polo panorama político ata que os cidadáns lle dean o último empurrón e a manden a facer historia (unha magoa porque podería ter feito algún servizo pero ás veces a avaricia rompe o saco. Aquí pasou; agora xa non teñen nin sequera saco que romper.

Aquí estamos. Hoxe é domingo de Pascua. Aínda que os nosos padriños xa non nos traian rosca seguimos coma nenos pequenos que somos, a pesares dos moitos anos cumpridos, esperando que esa entrada do borrico en Xerusalén sexa algo máis que un símbolo. Un recordo.

Que así sexa.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»