PSOE Tomiño denuncia “crítica situación” da policía local

Só ten dous efectivos para realizar o servizo de seguridade cidadá

Tomiño/PSdeG | As socialistas de Tomiño denuncian que a Policía Local do Concello está a vivir unha situación crítica, pois estan intentando manter o servizo, con tan só dous efectivos, o cal é practicamente imposible e está a causar problemas na veciñanza.

No pasado pleno do día 12 de xaneiro á pregunta sobre este tema ao Goberno nacionalista (cando o servizo contaba aínda con 4 efectivos) o Concelleiro Delegado deu conta da inminente comisión de servizo ou contratación de auxiliares. A Comisión de servicio queda descartada pois as Alcaldías da contorna non se permiten prescindir de persoal. Cubrir a praza vacante, por moito que se queiran apurar os prazos agora, levaríanos ata o 2022, e esperemos que a contratación de un auxiliar chegue en febreiro.

Violeta de Santiago, voceira socialista, critica que o Goberno do BNG aprobe unha modificación da RPT, para incorporar sendos postos de técnicos de xestión e de M. Ambiente, cando o servizo de Policía Local está nesta precaria situación, que sen dúbida é froito dunha mala xestión.

Nun Concello de grande extensión e dispersión como Tomiño, as socialistas consideran que non se pode consentir unha situación como a actual, e lembran que estamos a padecer unha crise pandémica sen precedentes e non contamos cun servizo que vele pola nosa seguridade nin polo cumprimento das restricións actuais.

Pero o realmente inaceptable, é a falta de transparencia deste Goberno que non comunica aos veciños e veciñas o que está a acontecer, e que consinte sen ningún pudor, que a maioría da poboación verta sobre a Policía local o seu malestar, enfados e protestas, a sabendas de que é unha inxustiza.