PSOE Salceda presenta emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia

Considera que deixan de lado reivindicacións "históricas" para o Concello

Salceda de Caselas/PSdeG-PSOE | Un ano máis o PSdeG-PSOE de Salceda analizou os orzamentos da Xunta de Galicia para esixir que o ente autonómico responda as principais demandas de investimentos que require a veciñanza de Salceda de Caselas.

Como xa ven sendo habitual de novo os orzamentos autonómicos deixan de lado reivindicacións e demandas que poderían ser definidas como “históricas”, xa que levan anos sendo reclamadas á Xunta polo grupo municipal socialista, a través dos parlamentarios e parlamentarias autonómicos do PSdeG-PSOE e ata o momento non foron atendidas coa súa correspondente dotación orzamentaria.

No área de educación recóllense nas emendas presentadas polas socialistas, a inclusión de partidas de investimento para construír novas infraestruturas educativas e mellorar as xa existentes como a destinada á construción dun novo colexio de primaria para Salceda, a da construción dun novo comedor escolar ou a cubrición do patio do CRA Raíña Aragonta. Este ano as e os socialistas incluíron tamén a cubrición do patio do CEP Altamira para completar así uns investimentos que son moi necesarios para o conxunto das infraestruturas educativas do noso concello.

Neste senso a voceira municipal socialista Verónica Tourón sinala que “Co enorme pulo demográfico que afortunadamente existe en Salceda non chega só coa ampliación do IES Pedras Rubias, xa que é hora de realizar tamén actuacións relacionadas coa mellora das instalacións destinadas a educación infantil e primaria no municipio. E lembrar tamén a necesidade da implantación da FP no noso municipio”.

Outras emendas presentadas fan referencia ao investimento para a instalación da rede de saneamento en Soutelo e Entenza, demanda fundamental e estratéxica para a nosa veciñanza que esixe tamén completar os investimentos para conformar unha rede de saneamento integral para Salceda. É a Xunta a quen corresponde compensar a falla alarmante de saneamento tras estragar o aproveitamento dos fondos europeos destinados para ese fin para os cales a administración autonómica tiña a competencia para a súa execución.

Este grupo municipal quere lembrar igualmente que outras demandas están pendentes de atender pola Xunta como as referentes a infraestruturas de comunicación esenciais para Salceda como o enlace da Lagoela, a urbanización da zona da Tabernanova en Soutelo ou a iluminación da estrada autonómica PO 510.

A voceira municipal salientou que o dinamismo demográfico, social e económico de Salceda non pode caer no estancamento pola falla de investimentos autonómicos en dotacións, instalacións, infraestruturas e servizos públicos.

Salienta que é fundamental que a Xunta resolva tamén as axudas para a construcción do Centro de Día, a que optamos na lexislatura anterior e que está pendente de resolución. Advirte tamén á Xunta que os e as salcedenses non se van conformar simplemente coa ampliación do IES Pedras Rubias e que necesitan moito máis para que Salceda poida continuar pola súa senda de progreso.