PSOE Pontevedra: “o Alcalde da Guarda recibiu ilegalmente máis de 4.000€ en nómina”

Denuncian tras confirmación dos informes técnicos da Deputación de Pontevedra

Pontevedra/PSdeG-PSOE | A nómina do deputado provincial e alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, rexistrou ilegalmente 4.425 euros en ingresos da Deputación de Pontevedra pola asistencia aos órganos colexiados, a pesar de gozar dunha dedicación exclusiva remunerada con 54.000 euros ao ano. Así veñen de confirmalo os informes técnicos emitidos polos servizos de Recursos Humanos, Secretaría e Intervención da Deputación.

O grupo socialista na Deputación destapou esta irregularidade rexistrando un escrito o pasado día 5 de febreiro que vén de ter contestación pola Deputación.

Na resposta oficial inclúese a resolución, asinada polo deputado responsable da área de Persoal, Jesús Vázquez Almuiña, oito días despois. Almuiña, que non supervisou correctamente estes pagos con anterioridade, viuse na situación de ter que ordenar ao seu colega a devolución de 3.781,69 euros, cifra que se corresponde co líquido ingresado unha vez deducida a retención provisional polo IRPF.

Os técnicos provinciais confirmaron que Carrero recibiu irregularmente da Deputación 200 euros en setembro, 2.750 euros en outubro e, finalmente, 1.475 euros en novembro por participar nos plenos, xuntas de goberno e comisións informativas. Ademais, cobrou a mensualidade de 3.956 euros do seu salario como deputado con dedicación exclusiva.

A suma de todos estes conceptos traduciuse nuns ingresos brutos de ata 6.636 euros ao mes, é dicir, máis que o que percibe o propio presidente da Deputación, Luis López. A pesar disto, Carrero afirma non terse dado conta ata que o PSOE preguntou polo caso.

O voceiro socialista, Carlos Font, conclúe que queda demostrada a veracidade absoluta dos feitos denunciados polo Partido Socialista, dado Carrero cobrou irregularmente en setembro, outubro e novembro pola asistencia aos órganos colexiados da Deputación, a pesar de contar cunha dedicación absoluta.

Ademais, mentres percibía eses ingresos extraordinarios quedou calado. Finalmente, os informes proban que non foi ata que o Partido Socialista denunciou a situación non se lle obrigou a reintegrar uns ingresos completamente ilegais. Por tanto, de ningún xeito, pódese considerar que o alcalde da Guarda devolveu os cartos voluntariamente.

Os erros políticos corríxense coa dimisión
O grupo socialista recalca que o debate non é se houbo ou non un erro administrativo, senón o silencio de quen cobra durante tres meses o que non é seu. “Os erros administrativos corríxense, pero erros políticos tan graves como a ocultación duns ingresos ilegais corríxense coa dimisión”. Por elo esíxelle ao Partido Popular que deixe de culpar ao funcionariado.

Font engade que de non ser pola iniciativa do Partido Socialista o deputado Carrero continuaría percibindo unha dobre remuneración na Deputación, engordando o volume dos seus ingresos ilegais ata un máximo de 50.000 euros ao longo do mandato. “E iso”, subliña, “a pesar de que trátase dun político que fai demagoxia cos salarios e mesmo atreveuse a presumir no seu concello de que non cobra salario como alcalde, pero si que percibe tamén as asistencias aos órganos colexiados municipais, que suma aos 54.000 euros que cobra na Deputación”.

O grupo socialista considera completamente insuficientes e, o que é peor, inverosímiles as explicacións ofrecidas polo deputado e alcalde da Guarda Roberto Carrero, polo que insiste en reclamar a súa dimisión, xunto coa do deputado de Persoal, Vázquez Almuiña, ao tratarse dun claro caso de corrupción.