PSOE Pontevedra esixe explicacións sobre os sobresoldos do deputado Roberto Carrero

O tamén Alcalde da Guarda percibiu 5.000€ en retribucións "irregulares"

Pontevedra/PSdeG-PSOE | O deputado provincial e alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, percibiu case 5.000 euros en retribucións irregulares na Deputación nos últimos tres meses.

A pesar de gozar dunha dedicación exclusiva, Carrero cobrou tamén pola súa asistencia aos plenos, xuntas de goberno e comisións informativas, tal e como se recolle no Portal de Transparencia da propia Deputación. O sobresoldo foi pagado coa autorización do deputado de Persoal e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

O grupo provincial socialista vén de presentar unha pregunta, asinada polo seu voceiro, Carlos Font, na que recorda que o alcalde da Guarda goza dunha dedicación exclusiva parcial dun 79%, o que lle reporta unha retribución anual de 54.406 euros repartidos en 4.000 euros ao mes. Uns ingresos que estivo complementando ata o de agora cos cobros por asistencia a órganos colexiados, aos que só teñen dereito os deputados e deputadas sen dedicación, e que engordaron a súa nómina para rebasar os 6.000 euros ao mes.

Carlos Font recorda que o Partido Socialista viuse obrigado nas últimas semanas a denunciar o “apagón” do Portal de Transparencia da Deputación, de onde tiñan desaparecido as retribucións dos deputados e deputadas. Unha vez que os datos volveron aparecer comprobouse a existencia do sobresoldo de Carrero. A explicación ofrecida polo Goberno provincial do PP para este “apagón” dixital foi que se tiña producido “unha avaría nun nodo informático”.

Case 150.000 euros nas dedicacións exclusivas do PP
O grupo socialista destaca que neste novo mandato, tan só os deputados e deputadas do Partido Popular gozan de dedicacións exclusivas e, por tanto, perciben salarios pola súa actividade. As retribucións totais do grupo de goberno son de 146.587 euros que se reparten entre o presidente, Luís López, e os deputados/as, Javier Tourís, Isabel Couselo, Sandra Bastos, Marcos Guisasola e o propio Álvarez Carrero.

O Partido Socialista agarda explicacións directas do propio presidente da Deputación, Luís López, “pois cando alguén leva para casa diñeiro público que non lle corresponde falamos de corrupción e o presidente dunha institución é sempre responsable”.

Carlos Font destaca que estamos, ademais, diante dun caso no que un deputado percibe un sobresoldo coa autorización doutro deputado, responsable de Persoal. O que cobra é o alcalde do PP da Guarda e o que paga é o alcalde do PP de Baiona.

“Non chega con que agora, unha vez que o Partido Socialista destapa os feitos, se devolvan os cartos; aquí hai unhas responsabilidades políticas claras tanto do que cobrou como do que pagou e xa veremos se tamén hai responsabilidades xudiciais”, afirma Font.

“Xa advertimos de que non toleraremos que se nos diga que “todo foi un erro” porque os feitos son extremadamente graves, ata o punto de que se non chegamos a descubrilos seguirían producíndose de xeito indefinido, porque quen colle durante tres meses o que non é seu sen dicir palabra non ten defensa posible; e o que paga, tampouco”, insiste o voceiro socialista na Deputación.

O Partido Socialista, na pregunta formulada a pasada semana, recalca que percibir indemnizacións por asistencia a órganos colexiados por parte dun deputado con dedicación exclusiva “contradí o recollido tanto no artigo 75.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local como no artigo 13.6 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais nos que se regula expresamente que só os membros da Corporación que non teñan dedicación exclusiva, nin total nin parcial percibirán asistencias pola concorrencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados da Corporación da que formen parte”.