PSOE: “Pontevedra contará con 59 Comunidades Enerxéticas Locais”

Grazas a un proxecto presentado polo equipo de Carmela Silva

Pontevedra/PSdeG-PSOE | A provincia de Pontevedra converterase nunha referencia en autoconsumo eléctrico a través de Comunidades Enerxéticas Locais co apoio da Deputación.

Unha subvención de fondos Next Generation xestionada polo anterior Goberno provincial, presidido por Carmela Silva, permitirá a posta en marcha da Oficina de Transformación Comunitaria, que nace co obxectivo de crear un total de 59 Comunidades Enerxéticas Locais, a razón dunha en cada concello de menos de 50.000 habitantes da provincia, é dicir, todos agás Vigo e Pontevedra.

O proxecto, presentado polo anterior Goberno provincial á convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, logrou unha achega de case 500.000 euros para un proxecto valorado en 660.480 euros e foi cualificado no décimo lugar de entre os 79 aprobados en toda España. Esta achega supón máis do 54% dos 931.846 euros outorgados a un total de 5 proxectos en toda Galicia. Ademais da Deputación de Pontevedra lograron achegas os concellos do Rosal, Narón e Ames e unha asociación empresarial de Lugo.

A deputada provincial socialista Laura Iglesias, subliñou que esta nova, que vén de ser notificada á Deputación, supón un novo espaldarazo á aposta pola captación de fondos europeos do anterior Goberno provincial, que creou unha oficina de fondos europeos e aprobou un plan estratéxico de fondos europeos que se ten traducido xa na captación de case 15 millóns de euros para desenvolver proxectos de todo tipo, sempre en colaboración cos concellos.

Laura Iglesias lamenta que este legado está comezando a botarse a perder, pois todo o relacionado coa presentación a novas convocatorias e xestión das que estaban en fase de presentación de documentación detívose coa Deputación do PP. “Pasamos de ser unha referencia, como demostra esta nova subvención na que somos líderes en Galicia, á parálise total; agardemos que, polo menos non boten a perder este proxecto para impulsar 59 comunidades enerxéticas na nosa provincia”.

O proxecto subvencionado prevé que a Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación teña un carácter híbrido, cunha localización física no viveiro de empresas de Barro e unha unidade móbil que se desprazará por toda a provincia. Contará con persoal técnico e administrativo e tamén cunha asistencia técnica para despregar as súas funcións de difusión, promoción e acompañamento técnico ao nacemento das comunidades enerxéticas nos concellos.

Despregará o seu traballo ata finais de 2025 e deberá organizar un Congreso de Comunidades Enerxéticas, cando menos dúas xornadas formativas e actividades de networking para a formación e asesoramento. Estímase que cada Comunidade Enerxética Local debe lograr un aforro do consumo de entre un 50% e un 55% gracias ao uso de enerxías renovables.

A Oficina da Deputación, explica Laura Iglesias, deberá tamén crear un Observatorio provincial para facer seguimento dos resultados e tamén a rede provincial de comunidades enerxéticas nas que está prevista a participación de 157 axentes entre as propias comunidades locais, os concellos e as empresas consultoras, enxeñerías, instaladoras, comercializadoras, distribuidoras e asesorías.