PSOE Ponteareas criticou a xestión sanitaria da Xunta de Galicia

Denuncia a falta de facultativos no Centro de Saúde de Ponteareas

Ponteareas/PSdeG-PSOE | Durante o debate no pleno municipal do 27 de setembro sobre a Sanidade en Galicia e en Ponteareas, o PSOE criticou que o concelleiro do PP, Francisco Jesús Represas Carrera, se queixara da xestión en sanidade afirmando que a situación é mala pero “vai ser peor” cando a xestión desta área é responsabilidade da Xunta de Galicia.

Os socialistas denunciaron que tan só catro facultativos atenden a unha poboación de preto de 23.000 habitantes cando este centro de saúde ten en plantilla a 15 facultativos.

Esta situación colapsou o pasado 30 de agosto cando tan sólo un médico prestaba os seus servicios.

Polémica voto en contra sobre o camiño escolar
Por outra banda, no Pleno celebrado na Deputación de Pontevedra, o PP votou en contra da modificación do proxecto do ReacPon do Camiño escolar seguro ao CEIP Mestre Ramiro Sabell.

A modificación do proxecto solicitada era indispensable para a mellora das infraestructuras básicas como saneamento, abastecemento ou iluminación. Pola súa contra o PP tratou de xustificar o seu voto en contra por unha cuestión de procedemento no momento de xustificar a titularidade dos terreos. Deste xeito, o PSOE cualificou de “vergoñento e escandaloso” a actitude do voceiro popular provincial.