PSOE Ponteareas: “A interventora municipal desminte ao PP sobre a xestión económica do Concello”

Ante as acusacións realizadas pola súa voceira Belén Villar

Ponteareas/PSdeG-PSOE | Este mércores 9 de marzo celebrouse no Concello de Ponteareas unha comisión informativa solicitada polo Partido Popular para pedir explicacións sobre a situación económico-financeira do Concello de Ponteareas.

Fai 15 días, o Partido Popular e a súa voceira Belén Villar acusaron publicamente ao goberno BNG-PSOE de gastar máis do que ingresan e non pagar as facturas, chegando incluso a afirmar que “Ponteareas atopábase entre un dos 140 concellos que podían ser intervidos” polo Estado. Chegaba incluso a afirmar a señora Villar que “o goberno BNG-PSOE estaba obrigado a realizar un plan de axuste antes do 22 de marzo”.

As mentiras e a alarma social creada polo PP e a súa voceira foron caladas nesta comisión informativa pola interventora municipal, quen explicou que non existe ningunha factura pendente de pago do ano 2021 e que actualmente está todo liquidado no Concello.

A posta en evidencia da señora Villar ante a resposta da técnica municipal foi tan contundente que a propia Villar recoñeceu non ter datos e non saber se era certo ou non a información da que dispoñía.

“O Partido Socialista de Ponteareas considera intolerable, carente de moral e responsabilidade que unha persoa como a señora Villar, que xestionou o departamento de Facenda no Concello dedíquese a difundir bulos e crear unha alarma social que non se corresponde coa realidade”.

As mentiras do Partido Popular foron de tal magnitude que foi preciso que a técnica municipal desmentise as mesmas cos datos reais que figuran no Concello.

Ante isto, o PSOE esixe á señora Belén Villar que pida desculpas aos veciños e veciñas de Ponteareas por mentirlles e difundir datos falsos que so teñen como obxectivo crear unha alarma social innecesaria, falsa e oportunista.

Ao mesmo tempo, o Partido Socialista recórdalle á señora Belén Villar que a única vez que foi preciso facer un plan de axuste para pagar débedas con provedores foi cando o PP gobernaba e ela xestionaba a área de facenda cun burato de preto de 18 millóns de euros.