PSOE Condado Paradanta e Baixo Miño contra o “fango mediático”

Asemblea comarcal en Tui en apoio ao presidente de goberno Pedro Sánchez

Tui | O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia, David Regades, liderou en Tui o encontro de cargos e militancia do Baixo Miño e do Condado-A Paradanta, para trasladar o agradecemento polo decidido apoio a Pedro Sánchez e reafirmarse na defensa da Democracia e do Estado de Dereito fronte “a estratexia de bulos e mentiras da dereita á que temos que contestar con máis dereitos e falando coa xente para que saiba o que está ocorrendo”.

Regades, xunto a deputados/as nas Cortes Xerais, no Parlamento galego e na Deputación, así como alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as de Tui, Tomiño, A Guarda, Oia, A Cañiza, O Porriño ou Salvaterra, trasladou, “a emoción polo apoio ao presidente Pedro Sánchez “ante os gravísimos ataques que está sufrindo” e mostrar orgullo ante “a unidade e a forza que temos que é o mellor que ten o partido”.

“E todo isto sucede mentres España lidera tódolos indicadores de crecemento económico en Europa e o país bate records de emprego, non só en número de cotizantes á Seguridade Social, senón en termos de calidade do emprego”.

O secretario xeral subliñou na asemblea a intención de “arroupar cada vez máis á nosa militancia e ás agrupacións socialistas nun momento no que, amais, os datos macroeconómicos son espléndidos que é precisamente o que intentar agochar a dereita con esta campaña de infamia”.

Regades alentou a “seguir esforzándonos na próxima cita electoral das europeas para escoller o modelo da Europa Social e traballar arreo para as vindeiras municipais e seguir sendo a provincia más socialista de Galicia onde gobernamos a medio millón de persoas fronte ás 200.000 do PP”.

Pola súa banda, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro lamentou “a crispación que vive a sociedade e os perigos das mensaxes da dereita que tanto dano están a causar na xente máis nova”, alentou a combater as mentiras “aínda que sexa difícil”, e remarcou que “á xente que non atopa respostas ten que saber que somos o modelo que permitiu o progreso de España e de Europa”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.