PSdeG rexeita o proxecto de alta tensión entre Arteixo e Carballo

Debido a que "destroza o patrimonio paisaxístico e ambiental de Arteixo"

Santiago de Compostela/PSdeG |  O parlamentario arteixán e voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de solicitar ao goberno galego, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, que paralice o proxecto da liña de alta tensión entre o parque eólico de Monteagudo en Carballo e o polígono de Morás en Arteixo.

“A liña de alta tensión destroza toda a parte occidental do Concello de Arteixo, xustamente o de maior calidade paisaxística e ambiental, nun concello cun alto grado de sacrificio paisaxístico e medioambiental, causado precisamente polas infraestruturas industriais e de comunicación”, criticou o socialista.

“A liña de alta tensión destroza toda a parte occidental do Concello de Arteixo, xustamente o de maior calidade paisaxística e ambiental, nun concello cun alto grado de sacrificio paisaxístico e medioambiental, causado precisamente polas infraestruturas industriais e de comunicación”

Así, Seco sinalou que “a moción aprobada por unanimidade na corporación municipal arteixá, cun alcalde do PP, confirma a falla de información, asesoramento e defensa do patrimonio que vimos denunciando que sofren os concellos afectados pola instalación de parques eólicos e liñas de evacuación”.

“É o propio alcalde do PP, nun concello con máis de 30.000 habitantes, o que lle solicita ao vicepresidente da Xunta e responsable de Industria que reciba aos representantes das tres forzas políticas no Concello para falar deste proxecto, o que indica a falla absoluta de comunicación, mesmo cos concellos gobernados polo seu propio partido”, lamentou Seco.

Nesta liña, esixiu ao alcalde de Arteixo, “que non quede só coa posta en escena” e “que poña toda a carne no asador, contratado a un gabinete xurídico con experiencia e coñecemento no sector para preparar alegacións que consigan paralizar este proxecto”.

Ademais, instoulle a “preparar todas as acción xudiciais que sexan necesarias, no caso de non ter éxito ante unha administración autonómica que demostra que só ter interese no desenvolvemento dos promotores enexéticos, sen mirar cara ao territorio e á súa cidadanía”.

Por último, “ante a falla absoluta de sensibilidade do goberno galego”, Seco pediu ao alcalde de Arteixo que convoque “con urxencia” un Consello Veciñal Municipal para abordar este asunto “dende a unidade de todos os entes do concello”.