PSdeG-PSOE recibiu ao embaixador de Ucraína

Valentín González Formoso asegurou "a solidariedade de Galicia" co pobo ucraíno

Madrid/PSdeG-PSOE | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo hoxe unha reunión co embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohoreltsev, para trasladarlle a “inmensa solidariedade do pobo galego” con Ucraína.

Solidariedade demostrada pola “masiva acollida” de refuxiados polos concellos socialistas. Reiterou a condena “sen equidistancias nin ambigüidades” á invasión por parte de Rusia vulnerando o dereito internacional.

Valentín González Formoso respaldou a petición do embaixador ucraíno de enviar ambulancias galegas a Ucraína. Por iso anunciou que proporá a doazón destes vehículos, que permita darlles unha segunda vida útil para “trasladar a mulleres, nenos e enfermos dende as cidades bombardeadas por Putin ás zonas de refuxiados a través de corredores humanitarios”.

Anunciou que reclamará unha liña de conversas co Sergas e as compañías de ambulancias para permitir empregar estes vehículos en desuso, así como de poñerse en contacto coa Axencia Española de Cooperación Internacional para coordinar estas axudas.

Explicou que “coñecemos o sector, e sabemos que hai vehículos en perfectas condicións que a partir duns determinados anos non poden seguir prestando servizo en Galicia pola normativa autonómica”.

Sistema galego de Política Social
Formoso anunciou a proposta socialista para incorporar de forma urxente como beneficiarios do sistema galego de Política Social aos cidadáns ucraínos acollidos en Galicia.

Ademais, salientou a “intención de tódalas institucións con presenza do PSdeG de acoller de forma regulada e ordenada a cidadańs ucraínos” obrigados a fuxir da guerra.

Neste encontro, o responsable socialista recolleu do embaixador as necesidades de material humanitario necesarias para que os cidadáns de Ucraína “poidan soportar esta invasión inxusta de Putin contra a que tódolos galegos e galegas e case tódalas formacións políticas somos absolutamente contrarias”.