PSdeG-PSOE Pontevedra renova nun 35% as súas candidaturas de cara ao 28M

O Comité Provincial aproba as listas que xa contan con aprobación das asembleas locais

Pontevedra/PSdeG-PSOE | As listas coas que o Partido Socialista concorrerá ás próximas Eleccións Municipais foron validadas hoxe polo Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Agora corresponderá ao Comité Nacional dar o visto bo ata a aprobación no Comité Federal que se celebrará o próximo día 25 deste mes de marzo.

Deste xeito quedaron validadas polo órgano provincial as 58 candidaturas que xa contan con aval das respectivas asembleas locais. O partido traballará para validar nos próximos días, xa delegando na Comisión Executiva Provincial, as candidaturas de Agolada, Dozón e Mondariz-Balneario.

Co acordo de hoxe constatouse que baixo as siglas do PSdeG-PSOE concorrerán un total de 21 cabezas de lista (aínda que a cifra incrementarase cos concellos aínda pendentes) que se estrean na cita do próximo 28 de maio, o que supón un 35% de renovación. O secretario xeral provincial destacou, ademais, que a aposta pola mocidade que chega cos novos candidatos e candidatas, conectando deste xeito ao partido coa sociedade.

As novas candidaturas chegan da man de Luís Arosa (Illa de Arousa), Iñaki Touriño (A Lama), Samuel Lago (Cambados), Adrián Vidal (Campo Lameiro), Iria Malvido (Cangas), Ana Couto (Cerdedo-Cotobade), Alba Forno (Lalín), Pablo Portas (Meaño), Mario Rodríguez (Moaña), Violeta Lois (Mondariz), Xoel Souto (Moraña), David Alonso (O Porriño), Anselmo Táboas (Pazos de Borbén), Gregorio Agís (Poio), Delfín Domínguez (Ponteareas), Iván Puentes (Pontevedra), Manuel Flores (Portas), José Luis Camiñas (Rodeiro), Félix González (Salvaterra) e María Manteiga (Vila de Cruces).

Nos 21 concellos onde hai alcalde ou alcaldesa socialista repítese en tódolos casos agás Illa de Arousa, onde o actual rexedor, Carlos Iglesias, decidiu dar un paso ao lado en favor de Luís Arosa; e Cambados, onde xa hai dous anos concretouse o cambio da Alcaldía, que pasou de Fátima Abal a Samuel Lago.

O Comité Provincial tomou tamén coñecemento de que xa conta con candidaturas para as entidades locais menores de Arcos da Condesa (Caldas de Reis) e Chenlo (O Porriño) e traballará para concorrer tamén en Bembrive, Camposancos, Morgadáns, Pazos e Queimadelos.

David Regades destacou que a “maquinaria electoral” do PSdeG-PSOE xa leva meses en marcha e nos últimos dous xa presentou a moitos dos candidatos e candidatas, realizou actos setoriais en varias comarcas e ademais instalou valados cos candidatos e, finalmente, enviou cartas informativas en moitos concellos para dar a coñecer aos seus cabezas de cartel.

O obxectivo, engadiu Regades, é volver gañar as Municipais “dun xeito apabullante” como xa sucedeu en 2019, uns comicios que fixeron posible que o Partido Socialista goberne a 600.000 dos máis de 900.000 veciños e veciñas da provincia.