PSdeG-PSOE pide máis recursos para o transporte interurbano Baiona-Vigo

Que permita que os usuarios non teñan que facer a pé o traxecto

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego Sanromán, reclamou este xoves ao goberno galego que invista maiores recursos no transporte interurbano en vez de obrigar aos usuarios da liña Vigo-Baiona a ir de pé en buses non habilitados para elo.

A deputada socialista, a través dunha batería de iniciativas rexistradas no Parlamento, fíxose eco das reclamacións dos veciños e veciñas que viaxan frecuentemente entre Vigo e Baiona, que vense obrigados a ir de pé en buses, durante todo o ano e especialmente pola gran afluencia que teñen durante o período estival, e ven como a Xunta non toma medidas para evitar estas imaxes repetidas ano tras ano. Gallego resaltou que os socialistas xa levan dous anos reclamando na Cámara galega aos populares que poñan remedio a esta situación.

Leticia Gallego esixe un reforzo completo desta liña de autobús, xa que denuncia que “non se cumpren os horarios e non se poñen reforzos”, sendo obrigar aos usuarios a ir de pé para aumentar o número de viaxeiros que caben en cada vehículo o remedio que aporta a Xunta. “Non é unha solución axeitada”, sinala a socialista, xa que recorda que “hai persoas maiores que non poden facer media hora de traxecto de pé”.

Por outra banda, pregúntase cales son as medidas de seguridade que levan esas persoas que van de pé e cualifica como “tomadura de pelo” que ao preguntar por esa seguridade dos viaxeiros, o goberno galego alegue que teñen un seguro para cubrir os danos ocasionados ante posibles accidentes. “A solución é poñer reforzos en horas puntas, non que a xente vaia de pé”, sentenciou Leticia Gallego, quen defenderá as súas iniciativas no Parlamento cando se abra o novo período de sesións, pero que reclama medidas inmediatas ao goberno galego para frear estas imaxes canto antes.