PSdeG-PSOE esixe responsabilidades á CRTVG tras condena xudicial

Por vulnerar dereitos laborais durante as manifestacións dos "Venres Negros"

Santiago de Compostela/PSdeG | A deputada socialista Noa Díaz esixiu hoxe, na Cámara galega, responsabilidades ao director xeral da CRTVG despois de que o ente fose condenado pola Xustiza por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador por participar nas mobilizacións Venres Negros.

“Esta sentencia é o triunfo da loita contra a manipulación informativa” no ente público, sinalou a socialista logo de censurar as “represalias” da corporación contra un redactor por esixir pluralidade e imparcialidade informativa nos medios públicos e, tal e como detalla a sentencia, por vulnerar a súa liberdade de expresión.

“Isto pon de manifesto o que moitas traballadoras e traballadores veñen denunciando dende hai anos”, lamentou a socialista quen incidiu en que “esta barbaridade debería ter consecuencias unha vez que foi probado”, xa que é “un contrasentido” que nun medio público se tomen “represalias” contra un traballador “por exercer a súa liberdade de expresión”.

Neste sentido, Díaz criticou as “políticas de manipulación informativa, que vostedes non paran de negar”, pero agora “unha sentencia dálle a razón a un traballador e condena a CRTVG a abonar os salarios de tramitación e a indemnizalo por danos e prexuízos por vulneración dos dereitos fundamentais”.

“Todo o noso apoio, dende o Grupo Socialista, a Carlos Jiménez, así como o noso agradecemento pola incansable loita na defensa da pluralidade e da imparcialidade informativa” dos medios públicos galegos, subliñou a dirixente socialista que fixo extensible o apoio ao colectivo Defende a Galega.

Por último, Díaz lamentou que as traballadoras e traballadores da CRTVG teñan que recorrer “continuamente” aos xulgados para “garantir” os seus dereitos fundamentais e urxiu á Dirección a que trasladade unha desculpa ao traballador represaliado, xa que “a reparación total da súa honra chegará só cando cheguen os ceses ou se asuman responsabilidades duns feitos tan graves”.

“A súa pasividade fronte a estes feitos non só é abraiante senón que case é ferinte”, concluíu a socialista quen pediu á Dirección que “deixe as escusas” e poña en marcha “todas as medidas para que estas situacións non se repitan”.

Propietario da foto: GaliciaPress