PSdeG-PSOE esixe “rectificación” a Feijóo por “relativizar os abusos sexuais” no seo da Igrexa

Pediu o seu voceiro parlamentario Luís Álvarez

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, pediu hoxe a Feijóo unha “rectificación pública” tras “tentar relativizar” o problema dos abusos sexuais a menores no seo da Igrexa, despois de que o Grupo Parlamentario Socialista presentase a pasada semana unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para urxir á Valedora do Pobo a investigar esta cuestión.

“É un problema gravísimo ante o que non caben respostas tibias nin son admisibles intentos de difuminar o enfoque, senón que require unha resposta social contundente, claridade e profundidade nas investigacións e apoio ás vítimas e reparación dos danos que se lles causaron”, sentenciou o dirixente socialista.

Neste marco, Álvarez incidiu en que “ninguén está facendo unha causa xeral contra a Igrexa” e, de feito, lembrou que a semana pasada el mesmo sinalou que “tiña o convencemento de que nin a propia Igrexa compartía a opinión de Feijóo e do PP de Ayuso” e “esa intuición viuse corroborada a fin de semana cando o arcebispo de Santiago dixo que a investigación era ben recibida e que o que había que facer era pedir perdón e asesorar legal e psicoloxicamente ás vítimas”.

“Enfronte temos a soidade do PP de Galicia e do presidente da Xunta”, lamentou o socialista quen amosou a súa “preocupación” pola “deriva” dun PP de Galicia “antes máis moderado e agora facendo un seguidismo innecesario da radicalización do Partido Popular”, xa que “estamos asistindo a un modelo de confrontación permanente do PP fronte ao PSdeG” cando “estamos recibindo insultos e descualificacións persoais”.

O “discurso simple” do PPdeG
Tratase, sinalou, dunha estratexia baseada nun “discurso simple” cunha “mensaxe reducida que minusvalora a propia capacidade da xente para analizar a realidade de forma global, apelando sistematicamente a emocións primarias”.

Isto, subliñou, “evidencia o nerviosismo do PP fronte a un PSdeG propositivo, disposto incluso, como declarou o secretario xeral, Valentín González Formoso, a compartir os custos políticos de determinadas medidas que poden ser necesarias”.

“Quero trasladar aos responsables desa estratexia do PP que non nos van desanimar”, reivindicou Álvarez, quen subliñou que “imos a seguir facendo propostas” e tamén “poñendo en evidencia as deficiencias na xestión da Xunta porque é aí onde se debe actuar”.

As eleccións en Castela e León
Preguntado polas eleccións celebradas onte en Castela e León, Álvarez cualificou de “verdadeira traxedia” a irrupción de Vox, un partido que “quere estar nun goberno que nega a propia validez das comunidades autónomas” e “a conveniencia de estatutos de autonomía”, un partido que “é antieuropeista” e “representa o contrario daquilo que o resto de forzas democráticas defenden”. “É unha pésima noticia para Castela e León e para España”, sentenciou.

Ao fío disto, o portavoz socialista sinalou que “o PP errou na súa estratexia”, xa que “pese a ter gañado as eleccións, os seus obxectivos quedaron moi lonxe da realidade que amosou a comunidade autónoma”.

Isto foi consecuencia, incidiu, de que “Casado convertese as eleccións nun campo de batalla e de descualificacións idéntico ao que temos en Galicia” e cunha estratexia “na que se falou de todo en clave nacional, excepto dos problemas de Castela e León”. Este escenario, subliñou, “deu o resultado que ten: o PP non ten nin de lonxe a maioría absoluta para gobernar e só conseguiu fortalecer á estrema dereita”.

En canto aos resultados do PSOE, o dirixente socialista sinalou que “non cumpriron as expectativas”, pero o resultado “debe ser analizado polo partido en Castela e León”.

Preguntado pola súa posible lectura en clave galega de cara ás eleccións autonómicas previstas para 2024, Álvarez sinalou que “está en mans do PP de Galicia e de Feijóo facilitar ou non a radicalización que se traduce na presencia dos partidos de extrema dereita nos parlamentos autonómicos”. E, neste sentido, apostilou, “creo que debemos traballar todas e todos para que esa situación non se dea” no Parlamento galego.

Parabéns ás galegas e galegos premiados nos Goya 2022
Por último, Álvarez felicitou ás galegas e galegos galardoados esta fin de semana na gala dos premios Goya, nomeadamente a Chechu Salgado, Xosé Zapata, Zeltia Montes, Chelo Loureiro e Dani García.

“Son merecedores de felicitación porque son boa proba do talento galego que temos”, destacou o voceiro socialista, quen instou á Xunta a “tomar boa nota destes recoñecementos e apoiar dunha forma decida ao sector cultural galego”.