PSdeG-PSOE de Ourense expresa as súas condolencias polo finamento de Modesto Seara

Recoñecendo a súa "contribución á historia dos socialistas en Galicia e Ourense"

Ourense/PSdeG-PSOE | A executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense traslada as súas condolencias á familia e amizades de Modesto Seara e o máximo recoñecemento á súa figura tralo seu finamento en México.

Seara foi ex secretario xeral da agrupación municipal e figura clave do partido en Ourense e Galicia durante a transición democrática.

A secretaria xeral dos socialistas ourensáns, Natalia González, puxo en valor a contribución de Modesto Seara á “historia dos socialistas en Galicia e especialmente en Ourense”, a súa “excelencia” a nivel educativo como reitor en diversas universidades mexicanas, a súa “loita comprometida” contra o franquismo e a súa “fonda pegada” que todos e todas os e as socialistas recordaremos para continuar a “loitar xuntos por un mundo mellor” sempre.

O socialista, que actualmente residía na cidade mexicana de Oaxaca onde fundou un novo modelo de universidades –Sistema de Universidade Estatales de Oaxaca- do que era reitor e que se converteu no seu proxecto vital, foi o primeiro secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, da federación socialista galega do PSOE -tal e como se denominaba entón- e ocupou tamén a secretaría local despois de José Rivera e Manuel Villar, a partir do 1977.  Un dos fitos históricos que abandeirou hai 45 anos foi a inauguración en Ourense do primeiro local dun partido político legalizado na rúa Emilia Pardo Bazán, cun cartel na fachada exterior do edificio, placa en galego que rezaba “socialismo e liberdade” e ca bandeira do partido en asta.