PSdeG-PSOE de Oia aposta por unha mobilidade sostible e integral

Destacando o modelo adoptado en Gondomar

Oia/PSdeG | O PSdeG-PSOE celebrou unha Mesa Sectorial sobre Mobilidade no centro sociocultural de Pedornes, no concello de Oia. O acto, moderado polo secretario xeral local e candidato socialista, Gerardo Rodríguez, contou coa participación dos deputados provinciais Gregorio Agís, responsable de Infraestruturas, e Iria Lamas, responsable de Transición Ecolóxica e Fondos Europeos, e a deputada no Congreso Olga Alonso.

Gerardo Rodríguez aplaudiu o modelo de mobilidade integral da Deputación, que xa se traduciu no máis dun cento de obras realizadas nas estradas provinciais nos últimos anos para a construción de sendas peonís ou plataformas de convivencia, sempre con prioridade peonil. Un modelo con case unha década xa de percorrido práctico, en contraste co atraso das estradas da Xunta de Galicia.

Destacou que a acción da Deputación concrétase tamén na evidente transformación dos espazos públicos de titularidade municipal, para a creación de pobos, vilas e núcleos rurais máis habitables. Precisamente, puxo en valor o cambio acometido nestes últimos anos en Gondomar, coa humanización de todo o centro urbano, en contraste co atraso de Oia neste ámbito.

Gerardo Rodríguez aproveitou para interesarse polo estado do proxecto de transformación da estrada provincial da baixada ao Mosteiro de Oia, que leva 8 anos pendente de que o Concello colabore para a consecución e/ou expropiación dos terreos afectados. Unha obra que a Deputación viuse imposibilitada de realizar diante da falta de interese municipal.

Ademais, propuxo unha actuación integral para comunicar o tránsito peonil entre os núcleos de Burgueira, Toroña e Loreza e os seus recursos paisaxísticos ao longo da estrada provincial. Destacou, ademais, o abandono dos camiños de moitos núcleos pola desidia do Concello, incapaz os recursos do Plan Concellos, cos que a Deputación asigna a Oia preto de medio millón de euros anuais, totalizando máis de 4 millóns de euros nos dous últimos mandatos.

Durante o acto, no que participaron máis dunha trintena de veciños e veciñas explicouse polo miúdo o carácter das intervencións da Deputación en todo o Baixo Miño e a provincia e detallouse a aposta da Administración provincial por avanzar non só na seguridade viaria, senón no marco do principio da mobilidade integral, asignando sempre a prioridade ás persoas que camiñan fronte “á ditadura do vehículo privado, que ata hai ben poucos anos parecía inamovible”.

Tamén abordáronse durante a xuntanza as medidas adoptadas polo Goberno de España no “escudo social” durante e despois da pandemia para propiciar a mobilidade como un dereito a través de bonificacións nos combustibles e no transporte por autobús e por ferrocarril.

Con esta Mesa Sectorial, o PSdeG-PSOE inicia unha xeira de comparecencias por toda a provincia nas que irá abordando o impacto de diferentes políticas públicas na calidade de vida da xente.