PSdeG/PSOE: “as políticas de emprego son un dos grandes fracasos de Feijóo”

Alerta que Galicia conta cos peores datos a nivel estatal

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, volveulle reclamar hoxe á Xunta que rectifique as súas políticas de emprego, de maneira específica as que se realizan en colaboración cos concellos. Alertou de que os programas do goberno galego neste eido redúcense a unha liña de axudas que se repiten ano tras ano, que é totalmente insuficiente e que adolece dunha serie de defectos que impiden que acade os seus obxectivos.

Por iso, na súa intervención da Comisión de Economía do Parlamento, Begoña Rodríguez Rumbo lamentou que a orde de subvencións para o fomento do emprego en colaboración entidades locais non está a cumprir os seus obxectivos. En concreto, incidiu en que non se están a adecuar ás necesidades concretas de cada territorio nin á realidade do mercado de traballo.

Deste xeito, “non está unha ferramenta realmente útil para que os e as demandantes de emprego adquiran unha experiencia profesional mínima nin tampouco para facilitar a súa inserción laboral en ocupacións cunha maior estabilidade”. Ademais, para a deputada socialista, a ineficacia destas axudas constitúe unha demostración máis de que as políticas de emprego en Galicia “seguen a ser un dos grandes fracasos do goberno de Núñez Feijoo durante os seus 12 anos na Xunta”.

Polo miúdo, Begoña Rodríguez Rumbo advertiu que esa liña de axudas sae coas mesmas bases e a mesma dotación económica todos os anos, o que é “totalmente insuficiente”. Neste contexto, incidiu en que os 1,5 millóns de euros destinados nos últimos tres anos a este fin tan só permite achegar unha media de 4.792 euros por municipio e a contratación de menos de 2 persoas.

Ademais, advertiu de eivas que deben ser corrixidas para poder cumprir os seus obxectivos e adecuarse aos programas anuais dos concellos. Tamén censurou que as contratacións estipuladas se limiten a un período de tres meses a tempo completo e seis meses a tempo parcial. “Isto é claramente insuficiente para acadar a formación profesional que favoreza a inserción laboral que se busca”, remarcou Rodríguez Rumbo.

Por outra banda, lamentou que os beneficiarios nin sequera terían dereito ao paro unha vez rematada a súa participación no programa e, polo tanto, deberían volver á súa situación anterior.

De igual maneira, Begoña Rodríguez Rumbo cuestinou os beneficios de que se incrementen nun 15 por cento as cantidades destinadas a solicitudes conxuntas ou nun 35 por cento para os concellos fusionados, cando estes municipios xa contan con partidas nominativas nos orzamentos da Xunta.

Galicia, cos peores datos de emprego a nivel estatal
Todo isto sucede, ademais, nun contexto no que os últimos datos de emprego revelan que “son dos peores na nosa comunidade autónoma”. Así, Rodríguez Rumbo puxo de relevo que mentres en España se crean 840.00 empregos e se supera a ocupación prepandemia cun crecemento do 4,35 por cento, en Galicia esa suba redúcese a un 0,96 por cento, “sendo a terceira peor evolución de todas as comunidades e as cidades autónomas”.

Nesta mesma liña alertou de que “seguimos a ter 50.900 persoas ocupadas menos que no mesmo trimestre de 2009” ou de que entre outubro de decembro de 2021 destruíronse 21.200 empregos en Galicia, “a razón de case 230 por día ou 350 empregos por día só en xaneiro deste ano”.

O mesmo sucede cuns datos do paro que evidencian que Galicia segue a ter un comportamento peor que o resto do Estado en canto ao número de persoas paradas. Mentres que en febreiro se incrementou en Galicia nun 0,4 por cento, no Estado diminuíu na mesma porcentaxe. Ademais, dende que Feijoo goberna na Xunta, hai 83.400 persoas activas menos na nosa comunidade.

Neste escenario, Begoña Rodríguez Rumbo criticou os escasos datos de execución orzamentaria nos orzamentos destinados ao emprego. Quedaron 270 millóns de euros sen gastar en 2019 e 2020, unha cantidade que ascendía a case 520 millóns de euros no terceiro trimestre do ano pasado.

En total, máis de 790 millóns de euros sen executar en tres anos, “no medio dunha crise económica e social provocada pola pandemia e na que a aposta polo mercado de traballo debera ser unha prioridade para este goberno”. Trátase dunha situación que, en palabras de Begoña Rodríguez Rumbo, amosa “un total desprezo pola situación límite que están a padecer un número moi importante de persoas no noso país, así como unha falla compromiso e iniciativa co desenvolvemento de Galicia”.

Por iso, instou ao goberno galego a “deixar de estar máis preocupado pola publicidade e a propaganda que de cambiar unha xestión de fomento do emprego que non funciona e que leva 12 anos dando mostras da ineficacia das políticas da Xunta nesta materia”.

Polémica co BNG pola guerra na Ucraína
O secretario de Organización do PsdeG, José Manuel Lage Tuñas, reclamoulle hoxe á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que desautorice de maneira pública ao seu deputado no Congreso, Néstor Rego, polas declaracións realizadas esta mañá sobre a posición que debería ter España sobre a guerra en Ucraína. Con respecto a isto, Lage Tuñas critica que Rego reclame, en nome do BNG, que se retiren os efectivos militares desprazados á zona e que pida que o goberno manteña unha neutralidade activa para non botarlle máis leña ao lume.

Fronte a estas declaracións, José Manuel Lage Tuñas lembra que “quen está invadindo un país é Rusia e que o fai, ademais, violando o dereito internacional, a soberanía nacional e a integridade territorial de Ucraína”. Neste contexto, o secretario de Organización socialista insiste en que non cabe nin “neutralidade activa nin poñerse de perfil”, senón que é indispensable “un posicionamento claro e contundente fronte a agresión rusa”.

“Diante a invasión de Ucraína”, engade, “so cabe a unidade de todas as forzas demócratas”, así como “toda a axuda que poida prestar España e a Unión Europea”. Esa solidariedade, ademais, non se debe exercer tan so dende o punto de vista teórico, senón tamén “axudando ao pobo ucraíno con todo tipo de medidas”.

Porén, o secretario de Organización do PSdeG lamenta que agora mesmo o BNG “semella ter máis preocupación polo que faga a OTAN que pola terrible situación que está a sufrir o pobo ucraíno por mor da invasión rusa”. Por iso, Lage Tuñas urxe a que haxa unha desautorización inmediata das palabras de Rego por parte da máxima responsable do Bloque.

A maiores, lembra que “a posición que é entendible pola maior parte dos galegos e galegas é a defensa dos valores e principios democráticos”. Nesta liña avoga por “estar todos detrás do goberno de España, apoiando a Pedro Sánchez e, dende logo, condenando a invasión de Ucraína por parte de Rusia”. “E, por suposto, tamén tomando medidas para axudar ao pobo ucraíno, como non pode ser doutro xeito nunha situación como a que se está a vivir neste momentos”, conclúe.