PSdeG-PSOE: “A Xunta está á cabeza de España en contratos adxudicados a dedo”

Denunciou o deputado socialista Pablo Arangüena

Santiago de Compostela/PSdeG | O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, sinalou hoxe que a Xunta continúa “á cabeza de España en importe dos contratos adxudicados a dedo”. Así o dixo no debate dunha moción para reclamarlle á Xunta que cumpra coa Lei de Transparencia, limitando a contratación directa sen publicidade e remate coa opacidade, que foi rexeitada polo PP.

“A Xunta de Galicia continúa concedendo ‘a dedo’ o 40 por cento dos contratos”

O responsable socialista explicou que o goberno galego presentou finalmente o informe de contratación dos anos 2019, 2020 e 2021 logo da interpelación que presentou na pasada sesión plenaria, pero “con tres anos de retraso” e con datos imposibles de editar, dificultando a súa análise. En calquera caso, a Xunta de Galicia continúa concedendo “a dedo” o 40 por cento dos contratos, que eran menores -33,5 por cento- ou negociados con e sen publicidade -2,1 e 3,6-.

Arangüena lembra que a Xunta ten que cumprir a Lei de Transparencia, que obriga a publicar os contratos adxudicados segundo procedemento regularmente, “e non 3 anos despois”. Mentres, “seguen á cola en transparencia e na rapidez coa que se facilitan os datos” para agochar que “todo vale un euro menos de 40.000 euros nas obras e un euro menos de 15.000 nos subministros e servizos” para salvar o concurso público e poder conceder axudas a dedo.

Advertiu de que ao rexeitar esta iniciativa “están negándose a cumprir a Lei en materia de transparencia e contratación, a rematar coa opacidade en materia de contratación da Xunta de Galicia e a establecer unha previsión e planificación da contratación pública como fixa a Lei”. Acusou ao PP de converterse nun “partido antisistema, ademais dun partido saqueador do público, facendo méritos para converter Galicia nunha república bananeira”.

Acusou ao PP e ao goberno galego de “facer un lamentable seguidismo do seu compañeiro Baltar”, que á fronte da Deputación de Ourense asina o 80 por cento dos contratos “a dedo” na súa maioría con empresas vencelladas ao PP, e reparte o 80 por cento das axudas entre concellos do seu propio partido.

Arangüena citou o informe do Consello de Contas, que fiscalizou a contratación no ente provincial fronte ao documento presentado por aquela institución, supostamente louvando a transparencia da Deputación, pero que “fixo unha suposta plataforma chamada Dyntra, que non é unha organización nin unha empresa seria, senón un chiringuito”.

O abuso da contratación menor por parte do goberno galego, que explicou que debera ser residual, limita a liberdade de acceso, restrinxe a libre competencia, menoscaba as posibilidades de acceso das Pemes á contratación pública “que opera en Galicia de forma opaca, sen transparencia, concorrencia nin publicidade e con graves riscos de corrupción”.

Advertiu de que “non hai publicidade cando os datos publícanse con anos de retraso”, e sinalou que “recompilar e publicar os datos de contratos da Xunta é soamente unha cuestión de vontade política, e se non o fan será porque non queren que ninguén analice o que fan cos cartos públicos”. Denunciou que así o PP “rexeitou a moción do PSdeG para mellorar a contratación pública en Galicia e reducir os contratos a dedo”.