
Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España, encabezado polo presidente, Pedro Sánchez, coa modernización das infraestruturas ferroviarias da provincia, destacando o investimento de máis de 4,5 millóns de euros que Renfe está executando na base de mantemento na cidade de Ourense.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, destacan que este proxecto “enmárcase no Plan Integral de Talleres e Mantemento e permitirá a renovación integral de dúas naves clave das instalacións ourensás, reforzando a capacidade técnica e operativa do complexo ferroviario”. En concreto, as actuacións inclúen a modernización da nave de Autopropulsados, á que se destinan máis de 2,5 millóns de euros para o mantemento de trens diésel, e a renovación da nave de Levante, cun investimento superior a 1,5 millóns de euros, onde se incorporarán bancos de probas de última xeración e equipamento especializado.
Marga Martín, destaca que “este investimento evidencia que o Goberno de España ten a Ourense no centro das súas prioridades, apostando pola modernización dun sector estratéxico como o ferroviario”. Martín subliña que “a mellora dos talleres non só incrementa a capacidade e calidade do servizo, senón que tamén supón unha oportunidade para consolidar emprego cualificado e actividade industrial na provincia”.
Pola súa banda, o senador Rafa Villarino sinala que “estamos ante unha actuación clave que reforza o papel de Ourense como nó ferroviario de referencia en Galicia”. Villarino engade que “fronte á inacción doutros gobernos, hoxe vemos feitos concretos, investimentos reais e unha planificación que garante o futuro das infraestruturas públicas”.
Ademáis, o proxecto contempla unha aposta decidida pola sustentabilidade coa instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo nas cubertas das naves, cun investimento específico duns 400.000 euros, o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética das instalacións . As obras, que se desenvolverán ata o ano 2027, forman parte dunha estratexia estatal máis ampla de modernización das infraestruturas ferroviarias, orientada á incorporación de tecnoloxías máis avanzadas e á mellora do servizo prestado á cidadanía.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense insisten en que esta intervención permitirá adaptar as instalacións ás novas necesidades do sector ferroviario, mellorando tanto as condicións de traballo como a eficiencia dos procesos de mantemento, o que redundará nun mellor servizo para os usuarios e usuarias.
O PSdeG reitera o seu compromiso de seguir defendendo investimentos estratéxicos para a provincia, co obxectivo de impulsar o seu desenvolvemento económico, industrial e social.




