PSdeG Ourense denuncia na Fiscalía as presuntas irregularidades do alcalde Jácome

Indicou que "o PP acompañou a Jácome no proceso de licitación e adxudicación das obras na rúa Concordia”

Ourense | A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Benéitez, compareceu ante os medios de comunicación para anunciar a denuncia interposta na Fiscalía polas presuntas irregularidades coas que se acometeu a recente obra da rúa Concordia. “Consideramos que se trata do epílogo no mandato de Gonzalo Pérez Jácome no Concello da nosa cidade”, incidiu.

Lembrou que non é a primeira vez que os socialistas alertan das irregularidades cometidas por parte do rexedor e o seu equipo de goberno. “As obras licitáronse a pesares de que algúns técnicos municipais aconsellaban que non se fixera. Dende o grupo municipal exercimos a labor de oposición pedindo transparencia ao alcalde. E teño que dicir que o PP acompañou a Jácome no proceso de licitación e adxudicación destas obras”, subliñou.

Ademais, a formación política foi a primeira que denunciou que se realizara un modificado no proxecto das obras que suporía unha cantidade maior aos 500.000 euros. “Primeiro dixo que dito modificado non existía para terminar recoñecendo que sí. Polo tanto mentíu unha vez máis. Tratábase dun proxecto de grande envergadura que se adxudicou a dedo a unha persoa e que foi deficiente. Recentemente, descubrimos tamén que ese modificado non está aprobado polos técnicos municipais”, afirmou sobre as irregularidades.

Así mesmo, o escrito presentado na Fiscalía sostén que coa chegada ao goberno local de Jácome, e posiblemente co ánimo de alterar o normal discorrer dos procesos de contratación para favorecer a determinadas empresas, variouse a ponderación do criterio de mellor prezo ofertado que se seguía con anterioridade.

“Pedimos que a Fiscalía reclame a información e testificais de todos os participantes neste expediente e no seu modificado porque para nós está relacionado con todo o que está a saír estes días nos medios de comunicación cos audios polos que tamén presentamos outra denuncia. Estamos a falar de presuntos delitos de prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e tráfico de influencias”, explicou.

Insistiu en que se trata dunha obra urdida por capricho do rexedor na súa rúa saltándose todos os procedementos legais para beneficiarse persoalmente alonxándose, deste xeito, dos intereses en beneficio da cidade e os ourensáns e ourensás. “Hai máis procesos, dos que aínda non temos tampouco toda a documentación, que seguen o mesmo “modus operandi” das obras da rúa Concordia. O PSdeG-PSOE seguirá traballando para que todo saia á luz”.

Instou, así as cousas, a votar polo cambio o vindeiro 28 de maio para que remate “o mangoneo e ocultación de información á cidadanía” e fixo fincapé en que os que foron parte do problema –referíndose ao PP e a DO– non poden ser parte da solución.

Sobre o exceso de velocidade de Baltar
Preguntada pola nova infracción por exceso de velocidade, cometida durante o mesmo traxecto ao que foi pillado conducindo a 215 quilómetros por hora, a secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense respondeu que é “outra raia máis do tigre”. “É unha vergoña e supón un dano irreparable para as institucións desta cidade que xente como Baltar e Jácome sigan pensando que a Deputación e o Concello son os seus cortixos particulares. Temos a oportunidade de deixar de pasar vergoña e poner a cada un onde corresponde o próximo domingo”, rematou.