PSdeG: “O PP vetou a iniciativa socialista dun novo modelo eólico para Galicia”

Criticou ante o Parlamento galego o deputado Martín Seco

Santiago de Compostela/PSdeG | O PP vén de vetar a iniciativa socialista para democratizar e elaborar un novo modelo eólico en Galicia. Fíxoo no Pleno do Parlamento de Galicia logo de votar en contra dunha moción do PSdeG neste senso.

“Pedir cambios non é estar en contra do sector das empresas eólicas”, reivindicou o deputado socialista Martín Seco, que incidiu en que “somos firmes defensores da implantación de enerxías renovables e na loita contra o cambio climático en Galicia, pero necesitamos que o goberno galego faga un esforzo para darlle seguridade á cidadanía de que a instalación de novos parques vai respectar o noso territorio, a calidade de vida dos cidadáns do rural, a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras, o noso patrimonio cultural, o noso ambiente e a nosa paisaxe”.

Deste xeito, o responsable socialista sinalou a “importancia” dun sector que “representa case un 1% do PIB galego” e “aporta miles de postos de traballo”; pero, incidiu, “Galicia xa ten unha forte implantación de enerxía eólica” que supón “moita máis que na maioría das autonomías do noso país”, polo que “todo proxecto que chegue a Galicia deberá ser analizado con moito sentidiño”.

“O responsable socialista sinalou a ‘importancia’ dun sector que ‘representa case un 1% do PIB galego’ e ‘aporta miles de postos de traballo”

“Fagan algo por demostrarlle á cidadanía galega que o goberno está ao seu carón e que non traballan para beneficiar os intereses das grandes compañías enerxéticas deste país, esas mesmas que despois, cun portazo xiratorio, colocan á súa compañeira Beatriz Mato no consello de dirección dunha empresa do sector”, subliñou, “pasando a dirixir unha empresa sobre a que tomou decisións dende a Consellaría de Medio Ambiente que dirixiu”.

Así a todo, Seco denunciou que a Xunta “nunca fixo políticas medio ambientais” en 12 anos. Malia isto, sinalou, semella que “unha vez máis, o malévolo Sánchez é o culpable de todo” xa que “o único que se lles ocorre ante o inmenso problema que ten o noso país é culpabilizar ao goberno do estado para pedirlle que non tramite os proxectos que, por ser da súa competencia, teñen que avaliar”.

Urxe “mellorar as rendas que chegan aos propietarios”
Por todo isto, Seco pediu ao goberno galego que “abra un proceso de negociación” para “chegar a un novo plan sectorial”, xa que “o que temos quedou anticuado”. Así, incidiu na importancia de estudar a situación actual, decidir onde poden situar novas infraestruturas, determinar cales son as zonas a preservar, así como que regulamento debe seguirse ante a colocación destes muíños “que mudaron moito dende o inicio da súa instalación” nos anos 90.

Ademais, urxiu á Xunta a “mellorar as rendas que chegan aos propietarios, equilibrando as negociacións entre promotores e propietarios”, ademais de crear unha “base pública de información de prezos alcanzados nas negociacións para informar á poboación”, xa que a implantación do eólico ten que ter “unha maior repercusión económica” tanto nos concellos como nas comunidades do rural.

Nesta liña, propuxo tamén modificar o regulamento para establecer que o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental “sexan establecidos pola potencia instalada no parque eólico, utilizando a recadación íntegra para actuar sobre melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación”; e que, ao igual que fai o Principado de Asturias, nos terreos das comunidades de montes veciñais, “o canon ou renda non poida ser inferior ao 3% do valor dos beneficios obtidos pola promotora”.

“Propuxo tamén modificar o regulamento para establecer que o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (…) que se amplíe a Rede Natura e que se protexan as ‘valiosas’ zonas húmidas de Galicia”

En canto ao eido ambiental, pediu que se amplíe a Rede Natura e que se protexan as “valiosas” zonas húmidas de Galicia. Así, esixiu que se aumente a distancia mínima das instalacións eólicas respecto a vivendas, explotacións agrícolas e gandeiras “para compensar a tendencia de instalar muíños cada vez máis grandes”.

“Os propios promotores eólicos din que, na actualidade, isto é a lei da selva”, censurou o responsable socialista, quen instou á Xunta a “modificar xa a lei do eólico” para “ofrecer garantías” á cidadanía e avanzar “cara un modelo eólico máis democrático”. “Teñen que empezar a preguntarse cal é o camiño que quere tomar o Partido Popular”, concluíu.