PSdeG: “Manuel Baltar, Rosendo Fernández e Miguel Caride son investigados por presunta prevaricación”

O Xulgado de Instrución 1 de Ourense incoou procedemento abreviado

Ourense | O Xulgado de Instrución 1 de Ourense incoou procedemento abreviado para investigar ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, e ao ex deputado Miguel Caride por un presunto delito de prevaricación.

Así o fixeron público este luns os deputados socialistas Ignacio Gómez e Rafael Rodríguez Villarino, que aseguraron que os tres mencionados son agora mesmo investigados xudicialmente.

Segundo Gómez, o procedemento abreviado abriuse por mor da negativa, “intencionada e con informes favorables en contra”, a que o portavoz socialista na Deputación obtivese a compatibilidade para seguir exercendo a docencia universitaria a tempo parcial combinada coa portavocía do grupo do PSOE. Precisaron respecto diso os socialistas que, aínda que aquela decisión foi no seu día revogada polo Contencioso-Administrativo, agora pasou á vía penal.

O deputado Ignacio Gómez sinalou que “Baltar e os seus deputados, que son cómplices dos feitos, tentan aniquilar desde o punto de vista político, persoal e laboral, a calquera persoa que lle faga fronte en política”.  Rafa Villarino engadiu que a querela, que agora mesmo abre a vía penal contra Baltar, Fernández e Caride, diríxese tamén contra “todas aquelas persoas que, no curso da instrución, aparezan como coautoras, cómplices ou encubridoras”, xa que “queremos que isto sexa ejemplarizante nesta administración pública”.