PSdeG insta á Xunta a “sumarse na defensa da igualdade”

Así o exhortou o secretario xeral do PSdeG/PSOE, Valentín González Formoso
Valentín González Formoso durante o acto conmemorativo polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou esta tarde en Santiago á Xunta de Galicia “a sumarse á ambición do PSOE en defensa da igualdade”.

Nun acto conmemorativo polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Formoso demandou ao goberno autonómico “que recupere o nivel de investimentos neste ámbito con fondos propios que había con Emilio Pérez Touriño, porque os orzamentos para loitar contra a violencia de xénero que pon a Xunta enriba da mesa, son os que lle veñen a través do Pacto de Estado que impulsamos os socialistas”.

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE foi o encargado de abrir o acto, antes de dar paso a unha mesa de debate moderada por Icía García Fernández, vicesecretaria Xeral de Igualdade da CENG, e que contou coa participación de Noa Díaz Varela, portavoz en materia de igualdade no Grupo Parlamentario dos Socialistas; Silvia Fraga Santos, secretaria de Igualdade da CEP A Coruña; Marta Rouco Seoane, secretaria de Igualdade da CEP Lugo; Zaida Rodríguez Camba, secretaria de Igualdade da CEP Ourense, e Paula Fernández Pena, vicesecretaria xeral da CEP Pontevedra.

En palabras de González Formoso, “a violencia que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres é sen dúbida o tema máis importante da Axenda Feminista, que ten múltiples dimensións e polo tanto precisa de ser abordado dende diversos frontes: educativo, sanitario, xurídico, asistencial e laboral”.

“Non se pode ser socialista sen ser feminista, e non se pode ser socialista e non loitar, non militar activamente na loita contra a violencia machista; porque si estamos comprometidos e comprometidas coa reforma e abolición das institucións patriarcais, todas, absolutamente todas elas, teñen na violencia contra as mulleres unha das ferramentas de opresión”, apuntou.

“Fomos nós, os socialistas e as socialistas, os primeiros en demostrar o noso compromiso nesta loita a través dos feitos, foi o Partido Socialista o que puxo en marcha a Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, unha lei pioneira no entorno europeo e que 15 anos despois da súa aprobación, sigue a ser un referente normativo para os países do noso entorno”, engadiu.

“Foi tamén a iniciativa do Partido Socialista a que impulsou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para dar unha resposta institucional e de consenso a un problema ao que lle demos a consideración cuestión de Estado porque o é”, lembrou. Formoso fixo especial fincapé en que “dende o socialismo estamos poñendo todas estas ferramentas en marcha, porque os datos sobre violencia de xénero indícannos cada día que aínda estamos moi lonxe de resolver o problema”.

Dende que se inicia no 2003 o reconto de vítimas de violencia de xénero, ata hoxe son 1.118 as mulleres asasinadas e 44 os e as menores asasinados: vítimas da máis terrible das violencia, a violencia vicaria que busca causar un dano irreparable ás nais. Galicia non está á marxe de este tráxico reconto. Dende 2003, foron 66 as mulleres galegas asasinadas.

“O goberno da Xunta, lonxe de promover políticas reais de igualdade, fai das mesmas unha permanente campaña publicitaria. Campañas que logo son denunciadas polas asociacións de mulleres e polo noso partido por non ter unha visión real, por non comprender o que é a igualdade”, aseverou.

“O Partido dos Socialista de Galicia – PSOE, e eu como secretario xeral, comprométome a que o feminismo sexa un sinal de identidade de esta organización, a que a igualdade estea presente en todo o noso discurso e en todas as esferas organizativas, a que sumemos para avanzar na construción de unha organización na que a loita pola igualdade sexa sinónimo de feminismo”, concluíu Formoso.