PSdeG: “Feijóo debe evitar a exclusión financeira dos Concellos pequenos”

Gonzalo Caballero criticou os peches de sucursais bancarias nalgúns municipios galegos
Gonzalo Caballero (centro) con alcaldes e alcaldesas do PSdeG.

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que tome “medidas para evitar a exclusión financeira e garanta a igualdade de oportunidades dos galegos e galegas dos concellos pequenos”.

Así o dixo logo de manter un encontro con 14 alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas en concellos afectados polo peche de oficinas, entre os que estaban os rexedores e rexedoras de Vimianzo, A Baña, Dumbría e Forcarei.

“Cada semana estamos a ver peches de oficinas bancarias en pobos pequenos”, o cal, subliñou Gonzalo Caballero, supón “unha puñalada aos dereitos dos galegos e das galegas que viven no rural”. Amosa, afondou, un “retroceso de dereitos que non podemos consentir”. Por iso, emprazou ao presidente da Xunta a que dispoña medidas para “evitar a exclusión financeira e garantir a igualdade de oportunidades” dos galegos e das galegas.

“Cada semana estamos a ver peches de oficinas bancarias en pobos pequenos”

Do mesmo xeito, o líder socialista requiriu a Feijóo que “abandone a súa escalada de escapismo e de botar balóns fóra” e que “tome todas as medidas necesarias para paralizar o peche de oficinas bancarias” que se ten agravado nos últimos meses. Trátase, incidiu, de que faga realidade esa “aposta polo rural” que tanto anuncia o goberno galego garantindo a “discriminación positiva” dos pequenos concellos, sinaladamente aqueles que só contan cunha sucursal bancaria.

En definitiva, o portavoz do Grupo Socialista no Parlamento reclamou “unha carta de servizos básicos”, tamén financeiros, que garanta que todos os galegos e galegas teñan acceso a unha oficina bancaria no seu municipio. Ao fío disto, lembrou aqueles concellos cunha ampla maioría de poboación maior, que necesita de asesoramento e atención presencial para a xestión dos seus cartos e operacións.

Dito isto, o secretario xeral do PSdeG deixou claro que “non seremos cómplices” desta situación, mentres o goberno galego utiliza un acordo con entidades bancarias para instalar caixeiros automáticos a cambio de tres millóns de euros das arcas públicas.

A preguntas dos medios, Gonzalo Caballero subliñou que “é un avance poñer un caixeiro nunha localidade que non tiña sucursal bancaria”, pero recordou que a propia Fegamp “está pedindo que a Xunta garanta servizos análogos aos que había nos concellos”. “Alí onde hai oficina bancaria o obxectivo é mantela”, recalcou.

Ataque ao rural
Para profundizar no dano que fai aos concellos pequenos o peche de oficinas bancarias, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo o acento na dificultade da poboación maior para adaptarse á banca electrónica, sinaladamente en concellos onde o despregue da conexión dixital “non está ao cen por cen”.

Ademais, criticou as restricións horarias na atención bancaria, hábil tan só “para os poucos privilexiados que poden achegarse á oficina de 9 a 11”, nunhas sucursais conxestionadas por atender aos concellos limítrofes que quedaron sen servizo financeiro.

Pola súa banda, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalou que a perda de sucursais supón “un atentado contra o rural” galego e incidiu en que pon en evidencia a falla de compromiso do goberno galego coa Galicia interior. No seu caso, indicou, ao obrigar á cidadanía a desprazarse aos concellos limítrofes, supón “que A Baña se descapitalice”.

Do mesmo xeito, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, considerou “o colmo” que no seu concello pechase unha sucursal e  que esta situación é a consecuencia “de facer desaparecer” as antiguas caixas galegas para “convertelas nun banco”, afastándose así das necesidades os galegos e galegas.

Asemade, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, reivindicou as mesmas condicións para os veciños e veciñas da súa localidade “igual que en calquera outro lugar”, xa que, sinalou, “as persoas non son só números”. Recordou así o recente peche da sucursal de Soutelo de Montes, un núcleo con maioría de xente maior, que ten que afrontar así “unha nova problemática” derivada da perda deste servizo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!