PSdeG denunciou os “favoritismos do PP” na contratación de persoal para a Xunta

Entre os anos 2014 e 2019
O deputado socialista Pablo Arangüena realizou estas denuncias no marco do último informe do Consello de Contas.

Santiago de Compostela/PSdeG | O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe os datos e conclusións do último informe do Consello de Contas sobre a contratación de persoal da Xunta e de todos os seus organismos dependentes entre os anos 2014 e 2019 no que o ente fiscalizador acusa ao goberno de Feijóo de “descontrol” e “falla de legalidade” nos procedementos empregados.

“O PP de Galicia ten implantado na administración autonómica galega un sistema de xestión e contratación de persoal que, en lugar de respectar os principios de igualdade e mérito, perpetúa situacións de abuso e arbitrariedade que non son casuais, senón que obedecen a unha estratexia deliberada para patrimonializar os postos de traballo públicos en beneficio de persoas afíns ao PP”, sentenciou o voceiro socialista.

Neste sentido, Arangüena alertou de que hai “un sistema para favorecer aos amigos do Partido Popular na política de persoal da Xunta” que é denunciado polo propio Consello de Contas neste texto ao asegurar que “se están incumprindo as recomendacións que efectuou hai anos”.

Todo isto tendo en conta que a Xunta “non estableceu aínda criterios mínimos xustificativos da necesidade de cubrir a dedo determinados postos”.

“O contido deste informe resulta demoledor porque pon branco sobre negro e sinala que na administración galega se están incumprindo, reiterada e sistematicamente, principios elementais da contratación administrativa de persoal como son os de control, garantía e transparencia” cando ademais hai que ter en conta que a Xunta “é a maior organización en canto a volume de persoal que existe en Galicia” e “debería estar suxeita ao máximo control”.

Así, o informe reflicte, destacou Arangüena, que no ano 2019 “había en Galicia 2.764 persoas en situacións de libre designación ou comisión de servizos, en ambos casos sen respectar as normas públicas” ou “saltándose a legalidade pola porta de atrás”.