PSdeG denunciou o veto parlamentario do PP á instalación de parques eólicos na comarca de A Baña

Así como para acordar un novo modelo eólico cos Concellos e comunidades rurais

Santiago de Compostela/PSdeG | O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei que presentou hoxe en Comisión parlamentaria para frear a instalación abusiva de parques eólicos e A Baña e comarca.

A proposta instaba á Xunta a acordar un novo modelo eólico con concellos e comunidades rurais, mellorando a transparencia e a reversión de beneficios nos territorios afectados.

Martín Seco advertiu que co proxecto de troitomil -entre os concellos de A Baña e Negreira-, sumado aos parques que xa soportan, os converterían nos concellos cun maior número de parques eólicos de Galicia. Criticou que a Xunta faga caso omiso das alertas fronte á estratexia “descarada” da empresa de fraccionar en pequenos parques o que en realidade son unha única explotación para evitar así que sexa o Estado quen faga a declaración de impacto ambiental.

Ademais, no caso de troitomil, a poboación está claramente en contra do proxecto, incluído o PP local, ao que “non lle importa a incoherencia de rexeitar hoxe a iniciativa que antes apoiaron no concello”.

O proxecto dispón dunha amplitude desproporcionada, segundo sinala o Concello, xa que ocupa 5 millóns de metros cadrados, incluíndo no seu interior varios núcleos de poboación, obviando ademais a Lei de montes, que impide construír sobre monte incendiado.

Falla de planificación e de información
Na súa intervención, dixo que “a falla de planificación, de información e de seguridade é o hábitat que desexa a Xunta para facer o que lle dea a gana” co sector eólico. Advertiu que “volvemos do verán e vemos como o goberno do PP segue de costas ao noso rural, que segue en pé de guerra pola actitude de desleixo que mantén o goberno galego” diante da proposta de trocar o plan sectorial eólico “completamente desfasado”.

Reclamou así un acordo da Xunta con concellos e comunidades rurais para un novo modelo eólico que supoña “unha aposta pola democratización do sector”. Tamén reclamou un novo plan sectorial eólico de Galicia, modificando a lexislación para mellorar os mecanismos de transparencia sobre a información e xestión dos proxectos eólicos, os instrumentos de participación coa cidadanía e concellos afectados.

O responsable socialista pediu garantías de equilibro nas negociacións entre propietarios e promotores eólicos, formulas de repercusión económica das instalacións nos concellos, e a defensa do patrimonio cultural e natural do territorio”.