PSdeG de Riós afirma que a inauguración do centro de día converteuse nun mitin electoral do PP

Denunciou as “malas formas” do ata o de agora rexedor Francisco Armando Veiga (PP)

Riós | O PSdeG-PSOE de Riós denuncia as “malas formas” do ata o de agora rexedor do Partido Popular, Francisco Armando Veiga, ao non informar á oposición no Concello da inauguración do centro de día no municipio.

Os socialistas consideran que esta é unha “represalia” por ter denunciado fai uns días que o rexedor abandonaba o seu cargo ao non poder seguir cobrando o seu soldo de alcalde, despois da súa “pésima” xestión económica ao fronte do Concello.

O grupo municipal socialista amosa a súa “total repulsa” polas malas formas do rexedor, que “nin tan sequera nos avisou da inauguración e tivemos que coñecer a noticia pola prensa”. Os socialistas afirman que o Partido Popular “converteu a inauguración dunha infraestrutura clave para o noso municipio, nun mitin electoral”, xa que tal e como argumentan “só se convidou a cargos do partido conservador, como o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia, Gabriel Alén; aos concelleiros do PP no Riós, así como alcaldes e alcaldesas do seu partido do resto da comarca”.

Para o PSdeG-PSOE de Riós esta forma de actuar da mostra da “falta total de transparencia” do PP local e deixa en evidencia que o alcalde “pretendía que na foto só saísen cargos dos populares, coa única intención de tratar de confundir a opinión pública e vender esta obra como se se tratase dunha obra feita polo Partido Popular, cando os cartos saen das administracións públicas, e en consecuencia dos cidadáns”.

O voceiro do PSdeG-PSOE no Riós, Daniel Caneiro Villarino, subliña que a ausencia dos concelleiros e concelleiras socialistas “foi contra a nosa vontade”, xa que tal e como apunta “en ningún momento se nos avisou desta inauguración, polo que se impediu a nosa presencia, nunha mostra total de falta de decoro por parte do señor Veiga”. O edil socialista reitera que “isto é unha clara represalia pola nosa denuncia de que o rexedor abandonaba o Concello, despois de aprobarse un axuste económico, motivado pola débeda municipal, e que obrigaba ao alcalde a retirarse o soldo”.

Caneiro Villarino manifesta que a presencia do PSdeG-PSOE na inauguración do centro de día “era obrigatoria, ao tratarse dunha infraestrutura moi importante para a nosa veciñanza e realizada con cartos públicos das diferentes administracións”. Neste senso, o voceiro socialista no municipio tamén manifesta que “temos o mesmo dereito que os concelleiros do PP a acudir a dita inauguración, xa que fomos elixidos democraticamente pola veciñanza, e con esta forma de actuar, o único que está facendo o alcalde é discriminar aos votantes que non apoiaron ao Partido Popular”.

Os socialistas de Riós apunta, iso si, que “estamos encantados” coa inauguración dun centro de día no noso municipio, xa que supón “un gran avance e permitirá que se preste atención aos nosos maiores e as persoas en situación de dependencia”.

Neste senso, os socialistas afirman que tendo Riós unha poboación “moi envellecida”, a construción e posta en funcionamento desta infraestrutura “cubrirá as necesidades dunha gran parte da nosa veciñanza, que ata agora non contaba con esta cobertura no municipio”.