PSdeG de Ourense denuncia que o Centro de Interpretación das Burgas permanece pechado

Lamentan o “vergoñento estado de abandono” no que se atopa o conxunto termal

Ourense/PSdeG | O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o Centro de Interpretación das Burgas permanece pechado ao público en plena onda turística ante a “total pasividade” e “nula planificación” do goberno de Jácome e do Partido Popular. Os socialistas lamentan que esta situación súmase ao peche termal na cidade e deixa practicamente “a cero” a oferta turística para os centos de visitantes que estas semanas veñen coñecer Ourense.

“O Partido Popular abandonou o termalismo en Ourense e Jácome deulle o carpetazo definitivo”

“Preguntámonos que está a facer o PP dende que chegou ao goberno, posto que contan coas competencias de termalismo” sinalan dende o grupo socialista, ao tempo que lembran que o “declive” do conxunto termal das Burgas comezou precisamente coa chegada ao goberno dos populares hai máis de seis anos: “o Partido Popular abandonou o termalismo en Ourense e Jácome deulle o carpetazo definitivo aproveitando un cambio normativo da Xunta feito de costas á cidade termal por antonomasia”.

Así as cousas, os socialistas lamentan a “imaxe desastrosa” que reciben os turistas que estes días visitan a cidade e quedan “atónitos” ante o “vergoñento estado de abandono” no que se atopan as pozas públicas, “o que os obriga a ter que agardar colas quilométricas para poder acceder aos recintos privados”.

“Mentres o Concello de Ourense camiña cara ao abismo termal, urbes como Lugo ou Chaves xa están a sacar rendemento do turismo termal con proxectos que imitan o modelo ourensán”, aseguran dende o grupo municipal socialista.

Un proxecto “á deriva”
Os socialistas subliñan que o Centro de Interpretación forma parte dun destacado proxecto para pór en valor o legado termal da cidade que hoxe en día está “á deriva”. Localizado en pleno corazón do casco histórico, o conxunto turístico-termal abrangue unha zona verde de 6.000 metros cadrados onde se atopa o bulevar peonil das Burgas, que conecta as rúas da Burga e o Baño e funciona como museo ao aire libre; a piscina termal, tamén inutilizada polo “desleixo” do goberno municipal; e unha serie de apartamentos turísticos “pechados a cal e canto”.

“O Centro de Interpretación forma parte dun destacado proxecto para pór en valor o legado termal da cidade que hoxe en día está ‘á deriva”

“Esiximos a reapertura inmediata do Centro de Interpretación das Burgas, un espazo para a divulgación do patrimonio arqueolóxico-termal de Ourense que conta con cinco salas expositivas que achegan os visitantes á orixe das augas salutíferas e permiten entender os seus usos terapéuticos así como a súa evolución histórica” conclúen os socialistas.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!