PSdeG critica a “deriva ideolóxica” e o “uso propagandístico” da CRTVG

Denunciou no Parlamento galego a voceira socialista de Cultura, Noa Díaz

Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de criticar a “deriva ideolóxica” da CRTVG, así como o “nulo control” da compañía sobre os seus propios contidos e a “falla de perspectiva de xénero”. Fíxoo, hoxe, na Comisión da CRTVG do Parlamento.

“A deturpación da misión de servizo público por parte da CRTVG e a utilización dos medios públicos como ferramenta propagandística ao servizo do Partido Popular é cada vez maior e máis insoportable”, lamentou a responsable socialista, quen censurou a entrevista realizada pola canle pública á deputada do PP por Barcelona, Cayetana Álvarez de Toledo, o pasado 22 de marzo no programa ‘Bos días’.

“A deturpación da misión de servizo público por parte da CRTVG e a utilización dos medios públicos como ferramenta propagandística ao servizo do Partido Popular é cada vez maior e máis insoportable”

Así, Díaz sinalou que de acordo aos criterios clásicos de noticiabilidade, “non se explica o interese público dun persoeiro político como Cayetana Álvarez de Toledo e menos nunha cuestión como as eleccións na Comunidade de Madrid, dado que ela é deputada por Barcelona no Congreso dos Deputados e non ten ningunha responsabilidade orgánica no Partido Popular e moito menos institucional nese territorio”.

Neste senso, a responsable socialista asegurou que o único argumento para entender esta entrevista “parece ser que se producise por orde directa dos altos mandos do PP galego, que buscan confrontar co líder do PP estatal toda vez que cesou a esta deputada hai meses” e “para ir así preparando o relevo en Madrid e facendo un oco ao señor Feijóo na nova sede do PP alá onde queira que vaian logo da venda da sede de Génova”.

Por iso, censurou, “a única razón que vemos para realizar esa entrevista a esa deputada de Barcelona é puramente ideolóxica e partidista”, o cal é “triste, moi triste”, xa que os medios públicos galegos “debían dedicarse a formar, informar e entreter e non a tentar alienar á sociedade galega e moito menos a empregala como un instrumento político calquera”.

A “nula preocupación” por cuestións de xénero
Noutra orde de cousas, Díaz criticou unha vez máis a “situación inadmisible” vivida no pasado 8 de abril no programa Land Rober Tunai Show, no que, “coma se dun xogo se tratase, pretendíase unha reconciliación entre unha parella sendo ela a que sentaba no estudio absolutamente enganada”.

“Ao longo de todo o programa asistimos a sentencias do tipo “a causa foron os ciumes”, “véselle supernamorado”, “este rapaz ten dereito a recuperar á súa namorada”…”, censurou a socialista, quen criticou “a falla de formación en xénero de toda a sociedade, pero nomeadamente de persoeiros públicos”.

Así, cualificou de “intolerable” que se siga “normalizando o acoso, unha forma máis de violencia machista”. Ademais, censurou que “dende unha cadea pública non exista un maior control sobre este tipo de situacións nas que se pretende buscar ‘finais felices’ e ‘historias románticas’, perpetuando deste xeito o concepto de amor romántico, hoxe máis que superado por razóns evidentes directamente relacionadas con moitos tipos de violencias”.

Ao fío disto, a voceira socialista amosou o seu rexeitamento rotundo á emisión deste programa cando se gravara horas antes da súa emisión. “Como dende unha canle pública se decide emitir un contido que vulnera a dignidade e intimidade dunha muller?”, cuestionou Díaz.

“Díaz amosou a súa preocupación pola ‘inexistencia de ferramentas na CRTVG para detectar este tipo de contidos e situacións que mostran unha preocupante nula perspectiva de xénero”

Finalmente, Díaz amosou a súa preocupación pola “inexistencia de ferramentas na CRTVG para detectar este tipo de contidos e situacións que mostran unha preocupante nula perspectiva de xénero”.