PSdeG acusa ao PP de vetar a súa iniciativa de triplicar o orzamento en igualdade

A voceira socialista Noa Díaz, urxiu á Xunta a crear unha consellería exclusiva de Igualdade

Santiago de Compostela/PSdeG | O PP de Galicia vén de rexeitar a proposta socialista para triplicar o orzamento destinado ás partidas específicas do departamento de Igualdade da Xunta, “dedicando o 0,5% do orzamento consolidado da Xunta, sen incluír nesta porcentaxe as achegas do Pacto de Estado”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, logo da presentación dunha moción por parte do Grupo Socialista que foi aprobada parcialmente.

A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu á Xunta a crear unha consellería exclusiva de Igualdade, logo das declaracións da conselleira de Emprego e Igualdade nas que “deu por sentado que xa existe igualdade e que toda a sociedade galega é feminista”.

“Os esforzos do goberno galego se están demostrando insuficientes”, aseverou a socialista, quen subliñou que “espertamos cada día con novos datos e informes que apuntan á terrible afectación da pandemia sobre as mulleres”.

A responsable socialista incidiu na importancia de “marcar os ámbitos prioritarios” e “actuar con urxencia” para rachar coas discriminacións e coa fenda de xénero. Así, demandou a posta en marcha dos “instrumentos precisos” para rachar coa discriminación salarial e co acoso laboral, traballar no marco do diálogo social nun novo modelo de racionalización e axuste dos horarios laborais, así como asegurar que a normativa que regula o teletraballo non penalice as mulleres.

“Se algo puxo en evidencia a pandemia é que foi moito maior para as mulleres a carga de traballo cando se desenvolvía dende a casa”, alertou.

“Plan estratéxico de corresponsabilidade post-COVID”
Nesta liña, esixiu “unha revisión urxente” do Plan Galego de Corresponsabilidade 2018-2021 e a posta en marcha dun plan estratéxico específico post-covid “que promova sistemas de conciliación e corresponsabilidade que non penalicen a carreira profesionais das mulleres”, con especial fincapé na situación das familias monomarentais.

“Durante o confinamento case o 50% das mulleres, fronte ao 20% dos homes, encargouse en exclusiva da limpeza do fogar; mentres que o 43% das mulleres, fronte ao 18% dos homes, asumiu as tarefas de coidado de persoas ao seu cargo”, destacou Díaz, quen pediu que se convertan os coidados “nunha variable central das nosas políticas”.

Doutra banda, Díaz pediu ao goberno galego que “avalíe o impacto das medidas”, xa que é “imprescindible” elaborar “un informe pormenorizado sobre a nova situación das mulleres galegas provocada pola pandemia”, incluíndo variables como coidados, violencia machista, saúde, representatividade ou ruralidade.

A responsable socialista urxiu a pór en marcha un programa integral de saúde das mulleres galegas “que leve aparellado un reforzamento dos recursos humanos e técnicos do servizo público de saúde. Así, incidiu en que “nunca tanto como agora” as mulleres necesitaron a vixilancia da súa saúde, logo dun ano na que a deixaron “en segundo plano” para “preocuparse pola dos demais”.

Ademais, esixiu aos poderes públicos “que asuman a responsabilidade de mitigar esta nova situación vital das mulleres”, a través da aplicación de políticas transversais de igualdade”.

Finalmente, a responsable de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista amosou a súa preocupación polos datos que fixo públicos a Delegación do Goberno en Galicia “que poñen de manifesto un preocupante aumento da violencia machista dende que comezou a pandemia”. Así, sinalou que malia que hai menos denuncias, prodúcense “moitas máis chamadas ao teléfono de emerxencias”.

O Parlamento aproba 3 puntos de 11 da moción
O Pleno do Parlamento aprobou por unanimidade tres puntos dos once que contemplaba a moción, para instar á Xunta a asegurar que a perspectiva de xénero estea presente nos proxectos que optan aos fondos europeos Next Generation; revisar o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021 para incorporar novas accións que dean resposta á realidade xurdida coa pandemia; así como establecer medios para combater a fenda dixital de xénero.