Proxectos europeos para o territorio miñoto

Deputación de Pontevedra organiza xornada de traballo en Tui este 31 de marzo

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza, vai celebrar o vindeiro xoves 31 en Tui unha ‘Xornada de traballo para a preparación de proxectos do río Miño con cargo ao Marco Financeiro Europeo 21-27’.

Neste encontro, no que tomarán parte alcaldesas e alcaldes dos concellos transfronteirizos, da Xunta, e da Subdirección xeral de cooperación territorial europea da Dirección xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do goberno do Estado.

O obxectivo das xornadas será afondar nas necesidades e posibles novos proxectos para inxectar fondos europeos no territorio miñoto, toda vez que nestes momentos é de vital importancia reactivar economicamente a zona transfronteiriza do Miño tras o impacto dobre da pandemia da COVID polo peche de fronteiras, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.

Así mesmo, farase un balance do traballo realizado grazas aos fondos comunitarios no periodo 2014-2020 e debaterase sobre as propostas xa existentes para o novo marco, centradas na promoción turística. Neste sentido, poranse sobre a mesa as iniciativas para ‘A promoción do territorio común: A Marca Rio Minho’ e sobre o ‘Anel Verde de Sendas Peonís e Ciclábeis’.

Entre estas iniciativas está a presentación dos resultados do inquérito ás persoas usuarias das sendas e espazos públicos verdes no Rio Miño (realizadas en agosto 2020) e a proposta de trazado principal do novo Anel Verde Transfronteirizo de sendas peonís e ciclábeis.

Outro dos puntos importantes do día será a presentación da ‘Base de Datos’ para proxectos e a mesa redonda sobre as oportunidades de financiamento europeo na que estarán o vocal adxunto da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda Adrián Vecino, o asesor do Gabinete da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Miguel Ángel Pérez Grande,o subdirector xeral de cooperación territorial europea da Xunta de Galicia Xose Lago, e o director AECT Río Minho Rui Teixeira.

Outros artigos