
Ourense | O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do proxecto universitario de Simulación de Nacións Unidas (COuMUN 2026) que se levou a cabo no salón de actos da Delegación Territorial e que contou coa presenza do Vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, e de máis de 120 estudantes das delegacións da Facultade de Dereito e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo do Campus de Ourense.
O delegado felicitou aos alumnos e alumnas que botaron andar esta iniciativa, que se desenvolverá entre hoxe e mañá no Edificio Xurídico Empresarial do Campus de Ourense, e que ten como obxectivo explicar á cidadanía o funcionamento da ONU e analizar a repercusión dos acordos que se levan a cabo na Comunidade Internacional para as persoas e institucións galegas.
“Nun mundo cada vez máis complexo e cheo de desafíos, o debate e a argumentación son habilidades cruciais para os estudantes para aniñar o seu pensamento crítico e habilidades argumentativas, e como estas habilidades son esenciais para o seu éxito académico e profesional” -manifestou Manuel Pardo- e “só a través do razoamento do sistema internacional, a motivación do actuar dos seus actores e as teorías que o sustentan permiten comprender mellor a realidade mundial”; sentenciou.
O COuMUN é un proxecto de simulación da Organización das Nacións Unidas, que se organiza en moitas universidades así como en diferentes países, e que se coñece como MUN (Model of United Nations). Trala exposición dos organizadores, Manuel Pardo salientou que o COuMUN é unha actividade de alto valor formativo para o estudantado universitario, non unicamente dos formados en Dereito ou en Relacións Internacionais.




