Proxecto dixital transfronteirizo en Expourense

Galicia e Norte de Portugal impulsan unha rede para dixitalización de recintos feirais

Ourense | José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe en Expourense na xornada do proxecto Digital_Expo, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á modernización e transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos de Galicia e o Norte de Portugal. Alí o conselleiro puxo en valor esta acción, que ten entre os seus eixos principais a creación dunha rede para potenciar a dixitalización nestes espazos.

Unha cuestión, engadiu José González, que concorda co que está a promover a Xunta de Galicia ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, elaborado da man dos distintos axentes do sector, entre eles os representantes dos recintos feirais. De feito, neste ámbito, a comunidade galega busca impulsar unha rede autonómica a prol do liderado destes espazos no eido da modernización e da dixitalización para que atraian novas feiras e eventos, poñendo ao mesmo tempo o foco no comercio, pois estes recintos teñen a capacidade de acoller iniciativas para amosar ao sector as últimas novidades comerciais.

Ademais, o conselleiro recoñeceu este proxecto —que lidera o Goberno galego e do que que tamén forman parte Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez— como exemplo de colaboración institucional. Ao mesmo tempo, agradeceu o labor de cada unha das partes implicadas para impulsar os recintos feirais como os espazos estratéxicos que son para os distintos sectores económicos e os seus territorios.

Neste contexto, González puxo como exemplo Expourense, que o ano pasado rexistrou máis de 111.000 visitas nas diferentes citas que acolleu —feiras, eventos, xornadas, formacións e competicións—. Esta actividade, subliñou, atrae visitantes nacionais e internacionais e reflicte a Expourense como un escaparate dos avances para o comercio local, para a difusión da marca Galicia e unha oportunidade para o crecemento da comunidade.

Outras accións do proxecto Digital_Expo
O proxecto Digital_Expo enmárcase no programa Interreg POCTEP (España–Portugal), desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027 e conta cun orzamento total de máis de 1 M€. Entre as actuacións que abarca, e que se puxeron en valor durante a xornada de hoxe, tamén está a posta en marcha dun espazo (hub) demostrativo de innovación para compartir coñecemento e recursos.

Ademais, desenvolveranse proxectos piloto tecnolóxicos baseados en ferramentas como a intelixencia artificial ou a realidade virtual e aumentada para avaliar a aplicación práctica destas tecnoloxías emerxentes en relación coa xestión dos recintos, os espazos expositivos e a experiencia das persoas visitantes. Tamén abarca accións de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial e orientadas a incrementar a visibilidade dos recintos e a captación de novos usuarios. En canto á xornada de hoxe do proxecto, tamén inclúe conferencias sobre solucións tecnolóxicas innovadoras para pemes e para o sector comercial, así como sobre os apoios que desde a Xunta se poñen a disposición do sector do comercio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.