Protesta indefinida dos vendedores históricos do Casco Vello de Santiago

Para recuperar as súas antigas localizacións baixo a iniciativa "MxM. Martes polas Medalleiras"

Santiago de Compostela | Debido aos cambios que o Concello de Santiago levou a cabo en 2021, os artistas de rúa e medalleiras fomos expulsados das nosas históricas localizacións a outros lugares con menos tránsito de viandantes, ou con condicións prexudiciais para traballar.

A isto súmase que a Praza da Inmaculada (onde agora estamos a maioría de vendedores) está en obras durante varias semanas, o que xerou máis problemas. Este nefasto e inxustificado cambio de localización xeróunos un enorme prexuízo económico, agravado polos dous anos de pandemia.

Confesamos que, a día de hoxe, atravesamos unha situación económica crítica e insostible, xa que moitos de nós non chegamos a cubrir gastos. Asemade, observamos unha denigrante e clara discriminación con respecto a outras actividades máis perniciosas e antiestéticas para a nosa cidade Patrimonio da Humanidade, que se localizan en espazos que a nós nos prohibiron.

Sendo estas a Praza do Obradoiro utilizada como plataforma para os trens turísticos e como un aparcamento para clientes do Hostal dos Reis Católicos e para traballadores do Concello, as enormes terrazas que ocupan a metade da Praza da Quintana, indixentes e esmoleiros que ocupan as nosas históricas localizacións, e a cesión de forma directa e opaca dos soportais de Correos na Rúa do Franco para os postos de antigüidades (antes, histórica localización dos pintores locais).

Por todo o exposto, acordamos iniciar unha protesta indefinida: “MxM: Martes polas Medalleiras”. Unha representación do colectivo Artistas de Compostela e de Medalleiras estaremos a protestar todos os martes desde as 10 horas na Praza do Obradoiro, para que os responsables do Concello nos reciban e consideren a nosa demanda de trasladarnos ás nosas antigas localizacións.

Ademais, desde hoxe poñeremos a disposición dos interesados unha recollida de sinaturas de maneira física para apoiar a nosa petición. Somos traballadores de oficios históricos da zona vella e formamos parte do patrimonio cultural inmaterial de Santiago de Compostela. Se esta situación continúa, vémonos abocados á mendicidade, e con iso, a agonía e morte dun pedazo enxebre da historia da améndoa compostelá.