Programación para a Semana Santa no Ferrol

NEA-Bruno Díaz- Ferrol

Ferrol | O concelleiro de Turismo, Bruno Díaz, avanzou que no marco da estratexia de promoción de Ferrol “12 meses, 12 aventuras”, ofreceranse alternativas de ocio vinculadas a deportes tales como o surf ou o sendeirismo, e de ocio en torno á Memoria Histórica, Ferrol en Feminino ou as Meninas, entre outras.
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol está a artellar un completo programa de actividades de ocio e deporte para a Semana Santa que permitirán visualizar o enorme potencial e atractivo da cidade, aproveitando o elevado número de visitantes que se reciben nesa época do ano.

O concelleiro de Turismo, Bruno Díaz, enmarcou esta iniciativa na nova estratexia turística anticipada en FITUR, “Ferrol, 12 meses, 12 aventuras”, encamiñada a desestacionalizar o turismo e visualizar externa e internamente as numerosas opcións de ocio e o “atractivo vital” cos que conta a cidade e o seu entorno natural.

ÉXITO VÍDEO TURÍSTICO

O vídeo promocional presentado na Feira de Turismo, “12 meses, 12 aventuras, es ti quen crea a aventura, capítulo 1”, está a acadar un enorme éxito e xa chegou a 113.898 persoas a través de Facebook, ademais de ser reproducido 11.251 veces en Youtube. As versións en galego e en inglés xa están colgadas no portal “Ferrol Turismo” de Youtube -https://www.youtube.com/user/ferrolturismo-.

Ademais, na liña de chegar a un público o máis amplo posible, vense de crear versións breves que se poderán visualizar tamén a través da rede social Instagram, no perfil “concelloturismo”.

Partindo do compromiso de que se desenvolva a Semana Santa como é habitual, ao igual que outros eventos que xa son tradicionais, de xeito complementario estase a traballar “intensamente con todas as entidades deportivas e empresas de deportes para que se poida programar e ofertar un abano amplo de actividades, convenientemente coordinadas”.

Bruno Díaz avanzou que se están a coordinar xa actividades no ámbito do parapente, o surf, do sendeirismo, a montaña ou no entorno natural, entre outras, das que se informará de xeito concreto proximamente.

Paralelamente a isto, a oferta completarase dende Turismo con visitas guiadas, entre outras, ao Castelo de San Felipe, dende o ámbito da historia e tamén da memoria histórica e rutas nas Meninas, ao que se sumará a celebración na época da Semana Santa das rutas Ferrol Rebelde e Ferrol en Feminino.

“Queremos aproveitar o éxito da Semana Santa e o número de xente deses días para visualizar todos os recursos naturais e turísticos e actividades deportivas de Ferrol, para que ademais de vir ver a Semana Santa se leven unha idea das restantes cousas que hai na cidade”, resaltou, amosando unha “oferta variada e precisa”.

Doutra banda, avanzou que a atención da oficina turística que existe no Porto de Ferrol trasladarase, á Oficina de Atención ao Peregrino en Ferrol Vello, en canto se remate o seu acondicionamento, para prestar unha maior e mellor atención aos visitantes.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!