Programa de envellecemento activo no centro de maiores do Pereiro de Aguiar

Permite ofrecer atención, obradoiros e actividades de ximnasia

O Pereiro de Aguiar | Antón Acedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, visitou o centro de maiores do Pereiro de Aguiar, no que a Xunta financia a posta en marcha dun programa de envellecemento activo e prevención da dependencia nestas instalacións ao que acoden medio cento de maiores da localidade.

Deste xeito, os veciños de máis idade do Pereiro de Aguiar poden recibir atención, terapias e programas de aprendizaxe tecnolóxica ou recuperación cognitiva sen ter que trasladarse a outro municipio.

Antón Acevedo lembrou que a Administración autonómica ten entre o seu eixo prioritario de acción a atención a persoas maiores.

Por iso, ten en marcha un gran abano de medidas dirixidas a eles, como o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por todos os concellos galegos agás as sete cidades; a teleasistencia, que permite recibir axuda con tan só pulsar un botón; ou o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a máis de 26.000 fogares e ao que se destinarán o vindeiro ano máis de 112 millóns de euros.