Primeira reunión do Comité de Sabias da Deputación de Pontevedra e UVigo

Coa participación de catorce expertas a nivel nacional e internacional

Pontevedra | Coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e do Reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO celebrou hoxe a súa primeira reunión, en formato virtual, da que saíu a súa declaración fundacional, un documento no que se plasman os seus obxectivos e eixes de actuación.

Entre eles destaca a concreción de accións que transformen os espazos dixitais para que favorezan o acceso das mulleres. Desta forma, o Comité desenvolverá o seu traballo inspirándose na formulación da profesora Judy Wacjman, experta en xénero e tecnoloxía, que afirma que “se as mulleres non queren acceder a certos espazos ou ámbitos, hai que cambialos para que queiran ir a eles”. En base a esa proposta transgresora e revolucionaria, que opta por deixar de responsabilizar ás mulleres, as expertas trazarán accións encamiñadas a lograr un futuro dixital en igualdade.

O Comité de Sabias está formado por 14 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas. Así, son Soledad Torres; Marí Lires; Coral del Río; Amparo Alonso; Encina Calvo; Ana Jesús López; Marta Macho; Dhaunae de Vir; Susana Martínez-Conde; Luz Castro Pena; Edita de Lorenzo; Mª José Malmierca; Ana Vila e Purificación Mayobre. Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, e suman experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. Na web da Cátedra de Feminismos pódense coñecer máis en detalle os obxectivos e a composición do Comité de Sabias.

A presidenta da Deputación Carmela Silva, que apelou a loitar contra “o sesgo do sistema patriarcal nas TIC e na dixitalización”, definiu ao Comité de Sabias como unha “rede de mulleres” que integra “voces incribles, que son unha grande referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindibles”. A presidenta destacou que “a intelixencia está en vós e, dende as administracións, temos que escoitar á sociedade do coñecemento con nome de muller para tomar decisións tamén intelixentes, transformar e cambiar”. Ao respecto, fixo fincapé na necesidade de “chegar a outras administracións para que todo o que vaiamos poñendo enriba da mesa a través do Comité de Sabias se converta en accións e iniciativas reais, porque a política é o instrumento que temos para cambiar o mundo”.

Para a presidenta “temos que ser ambiciosas, ocupar o espazo con orgullo, forza, de pe e no centro, liderando o debate, porque estamos xa fartas de ir creando, de aportar, de ser a metade do mundo e a parte do mundo que máis ten transformado”. Deste xeito, a través do comité, “imos colaborar, crear e poñer en común moitas ideas que se teñen que converter en propostas moi potentes para cambiar a contorna socioeconómica na que vivimos”. Así, amais de visibilizar e referenciar ás mulleres que “tanto aportan ao conxunto da sociedade” e de “recuperar a rica xenealoxía feminista galega repleta de mulleres das que somos herdeiras”, o Comité de Sabias tamén ten por obxectivo incrementar a participación activa das mulleres na sociedade dixital para que “teña unha mirada diferente e non volva caer nos mesmos erros que caeu a analóxica. Queremos que esta nova era dixital sexa unha era mellor, onde as mulleres ocupemos a metade de todo”, rematou.

Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa agradeceu a contribución e guía da Deputación na posta en marcha da Cátedra de Feminismos 4.0, e sinalou que o traballo “desta Cátedra vai marcar un antes e un despois na loita dentro da universidade para o avance na igualdade, un dos temas prioritarios marcados polo noso Plan Estratéxico”. Sobre o Comité de Sabias o reitor destacou que “sairán cousas moi boas que van clarexar o camiño que temos que seguir cara a igualdade. Aínda queda moito por facer xa que, no mundo, a igualdade real non existe”.

Águeda Gómez, directora da Cátedra, foi a encargada de ler a declaración fundacional. “As mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico”, sinalou.

Propostas en múltiples áreas
Durante o encontro, as sabias achegaron propostas para definir as liñas estratéxicas deste grupo de traballo, coas que se procura unha representatividade equilibrada en todos os niveis da dirección, creación, e desenvolvemento das tecnoloxías. As expertas coincidiron en que cómpre acadar “un liderado colaborativo” e unha participación real na toma de decisións estratéxicas para a configuración da sociedade, na que a tecnoloxía desenvolve un papel fundamental.

Son diversas as áreas nas que consideran que se deben concentrar importantes esforzos, que van desde o eido da formación e a investigación ata os sectores da intelixencia artificial, os videoxogos e as redes sociais. Precisamente nesta última contorna denunciaron que as mulleres aínda non poden interactuar dunha forma libre e segura, debido á cantidade de insultos e discriminacións que sofren, como xa puxo de manifesto un estudo publicado recentemente pola Cátedra de Feminismos 4.0, que tivo ampla repercusión mediática.