Preséntase o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos da Guarda

Estanse ultimando os detalles para sacar a licitación os postos

A Guarda | O Alcalde da Guarda facía a introdución á presentación que faría posteriormente o responsable do estudo de deseño encargado do proxecto de reforma, e destacaba que con esta fase culmínanse as obras de mellora deste espazo comercial tan emblemático da vila.

Tamén trasladou aos praceiros e praceiras presentes que se están ultimando os detalles para sacar a licitación os postos que están sen adxudicar na actualidade, e que sairán a concurso en condicións moi vantaxosas que podan facilitar o máximo posible que novos/as emprendedores/as se instalen no mercado. Esta é outra das accións que o equipo de goberno considera chave para revitalizar o mercado.

Iván Cotado foi o estudo de deseño elixido para desenvolver este proxecto, estudo que acuñou e rexistrou o termo “INteriorismo EStratégico®”, un concepto que engloba marketing e interiorismo e que ten como obxectivo captar e explotar a verdadeira identidade diferencial dos negocios para así deseñar espazos que falen o mesmo idioma da clientela.

Tanto para o Concello como para os deseñadores o mercado é un lugar cunha condición de edificio público e de tránsito que debe potenciar o encontro e a sociabilidade. Ao tratarse dun espazo cun marcado carácter funcional e loxístico, o reto estaba en ser quen de converter o mercado nun espazo máis humano, que puxera en valor o produto para converterse nun referente comercial e social do Concello da Guarda a través da súa revitalización comercial, pero sen perder a esencia do mesmo.

As principais actuación do proxecto serían:

– A “limpeza” da estrutura do cableado, cartelaría e demais engadidos feitos ao longo dos anos, co obxectivo de reordenar todos os elementos que distorsionan a arquitectura e se substituirán os elementos de mobiliario existentes para que vaian acorde á nova intervención.

– Utilizar a iluminación como elemento que organiza os espazos e potencia os produtos. Uso de proxectores para poñer o foco no produto e iluminar de xeito lineal para bañar de luz as zonas de estancia.

– Mellora da organización espacial. Tómase a idea actual das cores que organizan as distintas áreas do mercado, e se amplían para crear novas áreas de descanso. Créase unha nova orde con zonas de tránsito e de descanso, utilizando a cor de xeito sutil e elegante.

– Introdución de vexetación como elemento de vida que rexuvenece ao mercado, o fai máis amable e atrae a novos tipos de clientela.

– Xeración de espazos para favorecer a socialización e potenciar o mercado como “praza cuberta”.

As persoas interesadas en coñecer o proxecto poden achegarse á planta alta do Mercado onde se encontran expostas as infografías do mesmo.