Presentada en Samos (Lugo) a exposición itinerante “No Camiño”

Organizada polo Colectivo Cultural Egeria

Lugo | Foi presentada no Concello de Samos a mostra itinerante “NO CAMIÑO”, que co subtítulo “As imaxes que viron os peregrinos” recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte.

A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e nas vindeiras semanas percorrerá os Camiños de Santiago pola nosa provincia. No acto inaugural participaron o alcalde de Samos, Julio Gallego, o xefe territorial da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia en Lugo, Gerardo Criado, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra Son SEÑORES DA LUZ os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito.

Son SEÑORES DA PALABRA os que -en poesía ou en prosa- fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción “NO CAMIÑO”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.

Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador.

A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos. Organiza esta acción o COLECTIVO CULTURAL EGERIA, coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o Presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz.

Máis información: www.nocamiño.org

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!