Presentada a nova web do proxecto “Manuel Rodríguez López”

Na que se reflicten a vida e a obra do mellor poeta obreiro galego do século XX

Lugo | GaliciaDigital vén de poñer en marcha a nova web do proxecto Manuel Rodríguez López, na que se reflicten a vida e a obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña. Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXVI edición.

Esta nova web supón unha profunda transformación respecto á plataforma anterior, un cambio encamiñado a adaptala ás novas tecnoloxías e ás tendencias actuais en deseño web. Así, a día de hoxe podemos anunciar que contamos cunha nova web cun deseño gráfico totalmente renovado, adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles, e cunha nova estrutura da información almacenada, que pretende facer que a web sexa máis accesible.

Esta web forma parte do proxecto “Manuel Rodríguez López”, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, coa colaboración do Colectivo Egeria e o apoio da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), o Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, e a Real Academia Galega.

“Esta web forma parte do proxecto “Manuel Rodríguez López”, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, coa colaboración do Colectivo Egeria e o apoio da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), o Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, e a Real Academia Galega”

O proxecto compleméntase con diversas publicacións, como o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez, e cunha exposición itinerante que percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, do resto de España, e mesmo de Portugal.

O proxecto Manuel Rodríguez López
O proxecto “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro”, nacido co obxectivo de dar a coñecer a figura e a obra do noso amigo Manolo, cumpriu en 2020 8 anos. 8 anos desde que foi presentado na Casa da Cultura de Paradela, no Nadal de 2012. Desde aquel momento, o proxecto comezou a andar, e deu multitude de froitos, algúns deles proxectados desde o primeiro momento, moitos outros sorpresas agradables que fomos atopando polo camiño, grazas a unha chea de amigos, colaboradores e entidades que acolleron a exposición itinerante.

Pero en 2020, a pandemia interpúxose no habitual transcorrer do proxecto, e fixo que a exposición itinerante non se puidese trasladar a ningún dos lugares que estaban previstos. Iso, con todo, non significa que o virus conseguise parar o noso proxecto. Nin moito menos. Precisamente, esa parálise forzada nunha das nosas liñas de traballo fixo que nos puidésemos dedicar a outras tarefas, que relataremos en detalle a continuación.

Exposición Itinerante
A Exposición Itinerante sobre a vida e obra de Manuel Rodríguez está formada por 16 paneis informativos, que poden ademais ser vistos integramente na web do proxecto. Desde que a mostra foi presentada en Paradela hai case 8 anos (agosto 2013), xa percorreu practicamente todas as cidades e vilas importantes de Galicia, así como os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria, Valladolid, Las Palmas de Gran Canaria, Llodio, Sevilla, Pamplona ou Santander, as Universidades de Cáceres, Granada e Bilbao, e a Casa de Galicia en Madrid.

En Portugal estivo no Centro Galego de Lisboa, na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva en Braga, da man da Universidade do Minho, e na Universidade de Faro. En total, 47 emprazamentos e máis de 20.000 quilómetros percorridos.

Web
A nova web do proxecto Manuel Rodríguez López, unha das máis completas webs que teña un escritor galego, recolle a súa obra completa e a información máis destacable da súa existencia, e segue recibindo a día de hoxe máis de 100 visitas diarias. Máis de 3 Gb de información nunha ampla colección de documentos, fotografías, vídeos, audios e recortes de prensa que reflicten a intensa actividade literaria e intelectual de Manuel Rodríguez López.

Publicacións
Xa son 17 os libros de Manuel Rodríguez López que recolle a Biblioteca Virtual de GaliciaDigital. Paso a paso, imos incorporando novos títulos, tanto obras xa publicadas como inéditas, e así seguiremos ata ter as súas obras completas na nosa Biblioteca.
Pero non son estas as únicas obras relacionadas con Manolo que se publicaron nos últimos tempos na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital. Cabe destacar a publicación de “Exposición Itinerante Manuel Rodríguez López 2013-2020”, obra de Santiago Rodríguez e Antonio Giz, na que se dá conta de todo o conseguido coa nosa mostra, desde a súa presentación en Paradela ata as últimas visitas realizadas.

A extensión da obra (650 páxinas) dá unha idea bastante clara da cantidade de traballo realizado por todo o equipo do proxecto, e de todos os logros alcanzados. Estas publicacións únense a outros traballos realizados anteriormente, desde a Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López (dúas edicións) ata o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, pasando polos folletos informativos que recollen o contido íntegro da exposición.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!