Presentada a I Festa dos Callos de Mondariz

A realizarse o vindeiro 30 de outubro, organizada polo Mondariz F.C

Mondariz | A I Festa dos Callos de Mondariz, organizada polo Mondariz FC coa colaboración do Concello de Mondariz, foi presentada publicamente hoxe fronte aos xardíns Rodríguez Fornos de Mondariz cunha degustación pública.

O evento, que estaba programado para o 23 de outubro, foi aprazado por mor das malas condicións meteorolóxicas do último fin de semana e será celebrado finalmente este domingo, 30 de outubro, a partir das 10:30 horas xunto á igrexa de Mondariz.

Non é a primeira vez que o xa centenario Mondariz FC organiza un evento destas características para financiar as súas actividades deportivas, mais este ano preséntase o evento como I Festa dos Callos para dar relevancia sociocultural ao que xa vén sendo tradición. Esta festa gastronómica celebrarase durante a feira dominical de Mondariz.