Presentación do proxecto ‘A Media do Camiño’ en Laza

Programación participativa espallada polo territorio de O Teu Xacobeo

Laza | “Un dos grandes valores de ‘O Teu Xacobeo’ é que sitúa á cidadanía no centro da programación. Non se trata unicamente de ofrecer actividades, senón de facer partícipes ás persoas, ás asociacións, aos colectivos e ás empresas na creación dun proxecto común. Deste xeito, o Xacobeo deixa de ser unha programación deseñada exclusivamente desde as institucións para converterse nun espazo aberto, diverso e construído coa achega da sociedade”; así principiaba a súa intervención o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na presentación do proxecto ‘A Media do Camiño’, promovido pola Asociación Cultural e Deportiva Ka-torce; unha media maratón que terá lugar o 25 de setembro (venres) en Laza, que conta cunha achega de Turismo de Galicia de máis de 18.000 euros para desenvolver tamén un foro de turismo en Monterrei e actividades escolares complementarias.

O evento, é un dos 56 proxectos apoiados pola Xunta de Galicia en 2026 a través de ‘O teu Xacobeo’, cun investimento de 1 M€, nesta anualidade, para apoiar propostas culturais, artísticas, patrimoniais, sociais, deportivas e dixitais. “Iniciativas que buscan implicar á cidadanía, ao tecido asociativo e ao empresarial na creación dunha programación máis ampla, máis inclusiva e repartida por todo o territorio, que poña en valor tanto o patrimonio material como o inmaterial vinculado ao Camiño de Santiago”; resumiu o delegado da Xunta.

Acompañado dos alcaldes de Laza, José Ramón Barreal, e Monterrei, José Luís Suárez, da alcaldesa de Castrelo do Val, Cristina Gómez, e de José Prado, membro da Asociación Cultural e Deportiva Ktorce; Manuel Pardo salientou que o proxecto encaixa á perfección co espírito da convocatoria de ‘O teu Xacobeo’ xa que propón unha programación participativa, como unha romaría final que sirva de espazo de convivencia entre participantes e veciñanza, así como actividades paralelas. “Ademais, -continuou o delegado da Xunta- trátase de accións que contribúen á activación do rural xa que se desenvolve nos concellos de Monterrei, Castrelo do Val (nestes dous haberá actividades complementarias) e Laza, todos eles con menos de 5.000 habitantes”.

Por iso, “formar parte de ‘O Teu Xacobeo’ significa tamén asumir un compromiso: contribuír a que o Camiño continúe sendo un espazo de encontro, de convivencia e de esperanza. Significa entender que cada paso, cada quilómetro e cada iniciativa axudan a construír unha Galicia máis dinámica, máis aberta ao mundo e orgullosa da súa historia”; sentenciou.

‘A Media do Camiño’
O representante do Goberno galego explicou que se trata dunha proba cun percorrido único de 21 km por enclaves do Camiño, combinando patrimonio, paisaxe e actividade física, e que se organiza en diferentes modalidades para adaptarse a distintos niveis e favorecer a participación, que conta tamén cun percorrido de 10 quilómetros e unha andaina non competitiva.

‘A Media do Camiño’ é unha proposta orixinal da Asociación cultural e deportiva Ka-torce, unha entidade da comarca de Monterrei, que promove outras probas como ‘A revolta irmandiña’, dous circuítos de 8,5 e 5 Km que convidan a descubrir a comarca e que discorre entre o Castelo de Monterrei e o río Támega. A proba espera reunir a preto de 300 participantes, pois contará coa presencia (o día 25) de deportistas de alto nivel nados na comarca como é o caso de Antía Pérez, xogadora de fútbol sala de primeira división.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.