Presentación de MUSA Sabucedo

Iniciativa de turismo cultural a realizarse os vindeiros 28 e 29 de outubro

Pontevedra | A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, destacou na presentación do MUSA a importancia desta iniciativa para “non perder as nosas tradicións”. A deputada recibiu no pazo provincial a presentación do MUSA, dúas xornadas festivas que terán lugar os vindeiros 28 e 29 de outubro en Sabucedo para celebrar unha muiñada, o magosto e o Samaín.

O acto contou tamén coa presencia de Manuel Cabada, representante da Asociación Rapa das Bestas no que ambos convidaron a todas e a todos a participar nunha festa que busca conservar as nosas raíces e tradicións.

Pola súa banda Ana Laura Iglesias, quixo facer fincapé en que unha das principais actividades que se levarán a cabo será o preestreno exclusivo do filme de Rodrigo Sorogoyen “As Bestas”, e do que destacou que ” é un dos grandes directores deste país” e “unha persoa comprometida coa Rapa das Bestas, unha grandísima festa tan importante para esta provincia”. Así mesmo, salientou a relevancia que teñen este tipo de iniciativas que poñen en valor  a nosa riqueza cultural porque “non podemos perder o Samaín, os magostos ou os nosos seráns, é moi triste que perdamos as nosas raíces e que os rapaces en vez de falar do Samaín falen de Halloween”.

Manuel Cabada detallou un “programa moi extenso” no que “hai actividades para todos” co obxectivo de que sexa “un punto de encontro para recuperar tradicións”, e finalmente animou a que aquelas persoas que poidan se acheguen a Sabucedo para poder desfrutar da procesión da Santa Compaña, a muiñada, ou outras actividades como obradoiros, degustacións e concursos nunha xornada na que amais “vai a haber moita música”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos