Presentación da portada do número 22 de Nós a Xente do Redor en Ourense

Lola Doporta artista de Valdeorras é a autora do traballo

Ourense | O salón nobre do Liceo de Ourense acolleu, cun extraordinario éxito de público, a presentación da portada do número 22 da revista cultural Nós a Xente do Redor, nun acto que volveu demostrar o interese e o compromiso da sociedade coa cultura galega.

A protagonista desta nova edición é a artista de Millarouso, no Concello do Barco de Valdeorras, Lola Doporto, autora dunha impactante obra dedicada a Ramón Otero Pedrayo, patriarca das nosas Letras. Para a realización deste retrato, Lola Doporto empregou cores e tintas especiais adquiridas durante unha viaxe a Venecia, achegándolle á obra unha riqueza cromática e unha personalidade únicas.

Durante a presentación, o coordinador do movemento cultural Nós a Xente do Redor, Avelino Jácome, destacou que se trata dunha obra marabillosa que recolle o espírito da nosa identidade como galegos, subliñando a emoción e a profundidade coa que a artista soubo interpretar a figura de Otero Pedrayo.

No acto tamén se anunciou que, a comezos do mes de setembro, está prevista unha nova presentación desta portada na Fundación Otero Pedrayo, en Trasalba, nun encontro que pretende render homenaxe tanto ao ilustre escritor como á creadora desta destacada obra. Con esta nova portada, Nós a Xente do Redor reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa divulgación do talento dos nosos artistas, convertendo cada número da revista nun espazo de encontro entre a creación contemporánea e a memoria colectiva de Galicia. Na foto de Marila Abad os asistentes ao acto cultural.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.