PP Tomiño solicita axudas para as grandes comparsas do entroido

Así como a potenciación do "Venres en Foliada"

Tomiño/PPdeG | O grupo municipal do PP de Tomiño vén de anunciar a inminente presentación dunha moción ante o pleno da corporación municipal, que terá a vindeira sesión ao longo da próxima semana, para solicitar máis apoio e a concesión de axudas para as grandes comparsas locais do Entroido, así como a potenciación do emblemático “Venres de Foliada” co que se abren estas festas no concello.

A proposta dos populares inclúe, en primeiro lugar, a realización de accións de promoción e a concesión de achegas económicas para desprazamentos e materiais a prol das entidades de música e baile Luces, Revolución Show, Estrelas da Noite e Ciklón.

“Cremos que é imprescindible apoiar moito máis a estas comparsas, incluso concedéndolles algunha axuda económica que non supón case nada para as arcas municipais, pero que a estas entidades lles serverá de gran empuxe. Son un orgullo do noso pobo e nelas participan centos de persoas do noso concello, difunden a nosa cultura, fan que sexamos unha referencia no Entroido e levan o nome de Tomiño por toda Galicia e Portugal con moita animación e espectáculos de gran calidade”, salientou a voceira municipal, Lara Meneses.

A concelleira popular, que tamén quixo recoñecer o gran labor que fan outras comparsas máis pequenas e comisións de festas que circunscriben o seu ámbito de actuación ao municipio durante o Entroido, considera que nunha primeira fase “hai que axudar a aquelas formacións máis grandes, que se moven por todo o territorio e que teñen máis gastos, pero máis adiante habería que estudar a posibilidade de respaldar tamén a todos aqueles colectivos que fan grande o Entroido de Tomiño”.

Así mesmo, a moción do PP tomiñés tamén incluirá a organización, por parte do Concello, dunha programación máis ampla para o “Venres de Foliada”, que é a xornada inaugural do Entroido na que se presentan, cun espectacular pasarrúas, as comparsas locais e as procedentes doutras localidades nun acto festivo que reúne a milleiros de persoas na vila.

“O Venres de Foliada é, xunto ao día grande das Festas do Alivio, a data na que máis xente hai de longo en Tomiño, pero cremos que a súa concepción debe ser moi mellorada porque, cando rematan as comparsas, non hai máis programación e a moitísima xente que vén vaise para as súas casas e precisamos que queden en Tomiño para que xeren un importante retorno socioeconómico. Para elo precisamos que ese día haxa máis actividades complementarias que lle imos esixir ao Concello”, concluíu Meneses.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.