PP Tomiño acusa ao goberno municipal de baleirar o centro urbano

Ao rexeitar o BNG o Plan de Axudas ao Comercio local proposto polos 'populares'

Tomiño/PPdeG | O grupo municipal do PP de Tomiño vén de criticar as “excusas” do goberno local para rexeitar a súa moción na que propoñían un completo plan de axudas, apoio, eventos e actividades para colaborar co comercio local e acusou ao executivo de Sandra González de baleirar o centro urbano e cercenar a cifra de clientes dos establecementos da vila.

Os populares sosteñen que Tomiño padece “un goberno orgulloso, que non admite os seus erros nin acepta as propostas dos demais aínda que sexan boas” e amosaron o seu asombro ante a afirmación da alcaldesa, no propio pleno celebrado no serán de onte, de que que “poderían votar a favor da moción pero ían votar en contra”.

A voceira municipal, Lara Meneses, que sostivo na sesión que as políticas de escaso apoio a este sector e a falla de aparcamentos están deixando sen clientes aos comercios da vila, propuxo tamén, no marco desta moción, implantar unha medida similar ao exitoso Bono Comercio da Xunta.

Neste senso, indicou que se podería emprender esta mesma campaña, cunha cifra proporcional á do Goberno galego, que no caso de Tomiño fixaríase nuns razoables 12.000 euros, “pero o goberno local pechouse en banda e limitouse a fachendar do Mercado Excelente deixando de lado ao resto do sector”. “A súa política é o Mercado de excelencia e o comercio en decadencia”, apostillou Meneses.

A voceira tamén criticou que a outra xustificación do goberno nacionalista fora anunciar a suposta concesión de 500.000 euros para dixitalización do comercio con fondos europeos, “xa que esa iniciativa pode estar moi ben, pero se os negocios non teñen xente non vale de nada que teñan a mellor das tecnoloxías”.

Meneses tamén sacou as cores ao executivo en plena sesión na súa defensa de organizar actividades culturais e eventos no centro de Tomiño, xa que abríu a axenda cultural municipal e, para as vindeiras semanas, hai escasas iniciativas e, entre as mesmas, ata dous actos en Vilanova de Cerveira, “polo que seguen actuando ao outro lado da fronteira e seguen esquecendo a xeración de atractivos para que a xente acuda ao centro da nosa vila, que é onde está o comercio”. A voceira, que incidiu en que o mal estado dos aparcamentos e seu deterioro coas choivas tamén inflúen na diminución de público, ironizou sobre a defensa que fixo o goberno local do seu apoio ao comercio: “Neste ámbito o Bloque caracterízase por non ter unha mala palabra nin facer unha boa acción”.