PP Ponteareas recibiu visita de apoio por parte de deputados estatais

Estiveron Ana Pastor, Javier Bas, Diego Gago e Juan Constenla

Ponteareas/PPdeG | Os deputados nacionais, Ana Pastor, Javier Bas, Diego Gago e Juan Constenla, visitaron Ponteareas para facer balance dos tres anos de Goberno de Pedro Sánchez en Madrid e renovar o seu compromiso co municipio.

Os populares foron recibidos por varios concelleiros locais, membros da Plataforma de Afectados da N-120 e pola presidenta local, Belén Villar, da cal todos coincidiron en manifestar a insistencia da popular en resolver os asuntos do municipio de Ponteareas.

“Desde logo o noso partido non podería ter mellor defensora, é unha persoa moi insistente”, o nome de Ponteareas escóitase a diario na Cámara Baixa e na Cámara Alta. A defensa dos intereses do voso pobo está garantida co Partido Popular”, sentenciou Javier Bas.

A deputada, Ana Pastor, que iniciou a súa intervención trasladando as condolencias polos pontareanos falecidos durante a pandemia e que animou a vacinarse e seguir sendo prudentes, foi a encargada de facer balance deste últimos tres anos de Goberno de Pedro Sánchez.

“Cumpríronse tres anos e fixemos balance para Galicia, para Pontevedra e Ponteareas. En Ponteareas os feitos non existen. Os ponteareáns non é que se viron favorecidos en algo, é que lles retiraron todo. Desapareceron os 27 millóns de euros de investimento para a N-120 e a variante e aquí nunca máis se soubo nada. Din que están ‘a estudar’. O certo é que non hai proxecto, non hai licitación e tampouco sabemos onde está o diñeiro. Os veciños da contorna da N-120 xa non poden esperar máis”, explicou Pastor.

“Cumpríronse tres anos e fixemos balance para Galicia, para Pontevedra e Ponteareas. En Ponteareas os feitos non existen. Os ponteareáns non é que se viron favorecidos en algo, é que lles retiraron todo”

A popular comprometeuse a levar unha iniciativa á Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados para que se destinen fondos de forma urxente a Ponteareas. “Primeiro desaparece o diñeiro, logo dous anos estudando o suposto proxecto. Xa abonda. Eu asinei como ministra estes investimentos e o convenio para o cambio de titularidade municipal do tramo urbano, desde entón non se moveu nin un só papel”.

Ademais, os deputados, fixeron referencia á subida de impostos xeneralizada en plena crise económica derivada da pandemia. “Non se pode cargar con máis impostos aos españois e aos pontareanos. O sector dos salóns de peiteado non aguanta máis”, dixo Pastor. “Non imos ceder #ante un ben básico como é a enerxía. Temos o custo da luz máis cara de toda Europa. Encareceron, nas horas de máis consumo, a factura da luz ”, explicou o popular Diego Gago. Sobre a chegada do AVE a Galicia manifestaron que “esperamos que non sufra máis atrasos e chegue a finais deste ano”.

Pola súa banda, a presidenta local, Belén Villar, agradeceu o permanente interese e o compromiso dos deputados con Ponteareas. “Mentres o Goberno local está resignado e non busca solucións, eu teño o respaldo do meu partido para usar todas as ferramentas posibles que fagan presión e poidan devolver os investimentos á miña terra, Ponteareas”.