PP Ponteareas presenta as súas alegacións ao proxecto da N-120

Realizará reunións informativas nas parroquias de Xinzo, Arnoso a Areas

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP comunicou o xoves pasado, na reunión que solicitaron á alcaldesa para tratar o asunto do proxecto da N-120, as emendas que consideran mellorarían a seguridade e o tráfico do vial, melloras sacadas do estudo dos planos do proxecto e das diferentes reunións mantidas con veciños, colectivos e empresarios.

Os populares presentaron un primeiro punto en relación ás marquesiñas e paradas de autobús que non aparecen reflectidas, para que se inclúan, “detectamos polo menos sete que desaparecen” e deben ser incluídas por ser necesarias tanto para transporte escolar como de viaxeiros diarios a outros concellos limítrofes.

A segunda emenda fai referencia á decisión de prohibir o acceso, tanto de entrada como de saída, a varios dos viais municipais das parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, obrigando a partir de agora aos vehículos de veciños e empresas a desprazarse polo interior dos núcleos das parroquias, incluído o tráfico pesado, todos eles camiños que non cumpren cos anchos mínimos impedindo o dobre sentido e os xiros en moitos casos.

Os populares expoñen por tanto manter abertos eses puntos, que non supoñen perigo e que derivan a núcleos de poboación como son: tres entradas de acceso a Arnoso, acceso ao barrio Cividá (Xinzo) e manter tamén o acceso da Granxa Escola. Tamén solicitan manter dobres sentidos de circulación nalgúns viais que veñen propostos como único sentido, tales como os accesos en Xinzo aos barrios da Rocha e A Barreira.

No punto tres o PP solicita que se continúe a senda peonil, por ambas as marxes da estrada que dá ao núcleo da Portela, “por ser a entrada de maior confluencia da parroquia de Xinzo”.

A emenda catro  fai referencia á glorieta solicitada hai semanas polos populares, que está proxectada no PXOM, e que non aparece no proxecto da N-120 que agora mesmo está en fase de exposición pública. “A glorieta entre a capela dos Remedios e un taller mecánico, que conectará coa zona da Lomba e coa estrada provincial que vai a Padróns e Ribadetea debe facerse. Sería un erro deixala fose do proxecto tal e como está agora”.

“Os populares finalizan o documento urxindo a mellora dos pasos de peóns de todo o vial e a incorporación de novos nalgúns puntos”

Tamén unha nova rotonda que se sitúe á altura das naves industriais que se atopan na N-120 en Areas onde existe tráfico constante de vehículos, e que ademais reduciría o percorrido principalmente dos veciños de San Blas en Areas que para cambiar de sentido deben agora percorrer máis de dous quilómetros”.

Por último, os populares finalizan o documento urxindo a mellora dos pasos de peóns de todo o vial e a incorporación de novos nalgúns puntos. Tamén que se identifiquen con outro material os puntos de acceso por encima da senda a vivendas e empresas que lindan coa N-120, “debemos garantir a seguridade de todos, vehículos e peóns”.

Os populares consideran que é necesario chegar a un acordo unánime e desde o Concello preparar un documento que englobe todas as alegacións de colectivos, asociacións e empresarios, e trasladar as emendas canto antes ao Ministerio e que procedan a corrixir o proxecto.

“Parécenos que o Goberno bipartito chega como sempre tarde, e agora programou reunións para os dias 18, 19 e 20 de abril, cando o prazo das alegacións individuais finaliza o día 20 de abril. Tivémoslles que ir facendo o que era o seu traballo, con reunións con todos os afectados desde o primeiro día que se expuxo o proxecto ao público, fai tres semanas, e recollendo por escrito as alegacións e emendas. Fáltannos tres parroquias afectadas por visitar, faremos as reunións en Xinzo, Areas e Arnoso esta semana, entre o martes e o mércores, xa que o prazo para as alegacións individuais finaliza o 20 de abril e as colectivas o 4 de maio”.